O conselleiro de Educación destaca a calidade do CIFP Compostela para a formación do alumnado de FP
Xesús Vázquez Abad visitou o centro na súa xornada de portas abertas
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a calidade do Centro Integrado de Formación Profesional Compostela, “do que cada ano saen titulados rapazas e rapaces plenamente cualificados para contribuír co seu traballo ao desenvolvemento dos sectores produtivos e de servizos de Galicia, grazas ao bo facer do corpo docente responsable da impartición das ensinanzas de Formación Profesional”.
Vázquez Abad, que visitou o centro co gallo da súa xornada de portas abertas, fixo referencia tamén ao bo estado das instalacións e talleres do centro, e ás posibilidades que abre para a formación práctica do alumnado.
O conselleiro lembrou ademais o traballo que a Consellería de Educación está a desenvolver para o impulso da FP, especialmente na adaptación no que vai de lexislatura de 34 currículos de ciclos para adecualos á Lei de Cualificacións Profesionais. “Deste xeito todos os ciclos inclúen un modulo de Formación en Centros de Traballo, e teñen uns contidos actuais axeitados aos profesionais que está demandar o mercado de traballo.
Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta augurou aos estudantes presentes nesta xornada un esperanzador futuro, xa que “segundo os últimos estudos sobre inserción laboral dos titulados o 88,8 % das persoas que remataron a FCT, obtivo o seu primeiro emprego antes dos seis meses , e o 54 % conseguírono de xeito inmediato”.
Visitas guiadas
Quen se acheguen ao CIFP Compostela nesta xornada de portas abertas poderán percorrer o centro nunha visita guiada polos talleres dos distintos departamentos, nos que se están a realizar diferentes actividades.
Así, o alumnado do Departamento de Hostalería e Turismo está a facer demostracións en talleres de cafetería e de bar inglés, mentres que o do de Industrias Alimentarias preparou unha exposición de produtos de obrador, elaboracións de confitería e unha cata de chocolates.
Pola súa banda o departamento de Artes Gráficas traballa nun taller de impresión no que están a facer demostración de recorte de vinilos e impresión de tampografía, offset e serigrafía.
Respecto do departamento de Servizos socioculturais e á comunidade, estes estudantes están a desenvolver nesta xornada obradoiros de experimentación sensorial, de construción con papel e de xogos populares.
A xornada de portas abertas está dirixida a aquelas nais, pais, colexios e medios de comunicación que desexen coñecer de preto o funcionamento dun centro destas características e as actividades lectivas cotiás do seu alumnado.