Carmen Pomar destaca o excelente traballo do CEIP Plurilingüe A Pedra na biblioteca escolar

O centro conta co selo de Biblioteca Escolar Solidaria e forma parte do proxecto LÍA.2

O espazo da biblioteca acaba de ser ampliado na zona dedicada ao audiovisual, ao espazo creativo, á radio e o laboratorio científico

Lun, 14/01/2019 - 13:48
Carmen Pomar destaca o excelente traballo do CEIP Plurilingüe A Pedra na biblioteca escolar

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu), do que destacou o seu excelente traballo na biblioteca escolar. Non en balde, este centro acadou xa en 2014 o Premio Nacional ao Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura e Audiovisuais co proxecto "Expresámonos a través de diferentes linguaxes", xestado na biblioteca, entre outros galardóns.

Durante o seu percorrido, a conselleira tivo oportunidade de coñecer as últimas melloras realizadas na biblioteca, coa ampliación da zona destinada ao audiovisual, ao espazo creativo, á radio e ao laboratorio científico; o que fará máis doado desenvolver iniciativas do centro como as xornadas teatrais.

Tal e como explicou Carmen Pomar, este espazo está naturalmente integrado na vida escolar e forma parte de todas as actividades, dado que é concibido como centro de recursos ao servizo da comunidade escolar, para apoiar o proceso de ensino-aprendizaxe. Neste sentido a conselleira salientou o dedicado traballo do equipo da biblioteca e a implicación xeral de docentes, alumnado, equipo directivo e familias no funcionamento da mesma. De feito, o CEIP conta cun punto de lectura para as familias e envía con regularidade Mochilas Viaxeiras aos fogares dos escolares.

O CEIP Plurilingüe A Pedra é, ademais, moi activo nos programas que a Consellería desenvolve en materia de bibliotecas escolares. Así, ademais de formar parte do Plan de Mellora (PLAMBE) desde o curso 2007/08 conta co selo de Biblioteca Escolar Solidaria polo seu traballo na atención á diversidade e na compensación social de desigualdades. Os proxectos documentais integrados, nos que adoitan participar todos os equipos do centro, os itinerarios lectores –formados por lecturas imprescindibles para cada etapa– e os “recreos de conto” son outros dos puntos máis salientables da ampla actividade desenvolvida neste espazo.

LÍA.2

Cómpre salientar que a biblioteca deste centro forma parte do proxecto LÍA.2, impulsado pola Consellería dentro do Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016/2020. A través desta iniciativa explóranse as posibilidades de evolución do modelo de bibliotecas escolares cara a un centro creativo das aprendizaxes, un modelo innovador que mira cara ao futuro.

Para ser seleccionados os centros debían contar cunha biblioteca escolar con traxectoria de excelencia contrastada, con espazo suficiente  na biblioteca ou posibilidades de ampliación do existente, con experiencia en traballos por proxectos, e cun equipo de biblioteca e equipo directivo comprometidos a colaborar coa Consellería no desenvolvemento do proxecto. Ademais, deuse prioridade aos centros de zonas rurais.

Compromiso da comunidade escolar

A conselleira de Educación quixo tamén destacar a implicación dos centros educativos de Bueu. Non en balde, todos os centros públicos do concello están integrados no PLAMBE e practicamente todos eles son plurilingües, contan con seccións bilingües ou participan nos contratos-programas.

Ademais, Pomar lembrou que o seu departamento ten investido desde 2009 máis de 2,1 millóns de euros nos colexios e institutos de Bueu, en melloras entre as que destaca a ampliación do IES Johan Carballeira.

A conselleira estivo acompañada na súa visita polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.