A gratuidade solidaria para a adquisición de libros de texto mantén o seu apoio ás familias que máis o necesitan

A Consellería de Educación blinda as axudas ao alumnado de Educación Especial

Este ano incorpóranse ao programa 1º e 3º da ESO, ademais de continuar coas bolsas para 1º,2º, 5 e 6º de primaria e educación especial

Haberá ademais axudas para a adquisición dos libros que cambian de idioma en 3º e 4º de Primaria e 3º e 4º da ESO

Lun, 30/05/2011 - 14:13

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa a prestar o seu apoio ás familias que máis o necesitan a través do programa de Gratuidade Solidaria, co fin de salvagardar o dereito á educación en igualdade de oportunidade de todos os escolares galegos no actual contexto de crise económica.

Deste xeito, este martes publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) as convocatorias de axudas para a adquisición dos libros de texto para o curso 2011/2012, coas que se favorece que os escolares das familias con menos recursos poidan ter manuais en propiedade totalmente subvencionados.

Ademais a nova convocatoria blinda as axudas dirixidas neste sentido ao alumnado de todos os niveis de educación especial, con independencia da renda per cápita familiar.

Cómpre sinalar o importante esforzo que estas axudas supoñen para a Administración Pública galega, cuxos orzamentos se están a ver igualmente afectados pola importante crise pola que atravesa a economía. Con todo, a Consellería volve dar así mostra do seu compromiso para desenvolver actuacións que favorezan unha educación de calidade para todas as galegas e galegos con independencia da súa situación económica.

Axudas á adquisición de libros

O programa de Gratuidade Solidaria para o curso 2011/2012 mantén os umbrais da renda das convocatorias anteriores, tomando como referencia a situación persoal e familiar a 31 de decembro de 2009 e o exercicio fiscal 2009.

A convocatoria de axudas á adquisición de libros de texto en 1º e 3º da ESO, cursos que se incorporan este ano por primeira vez ao programa e nos que os manuais teñen un prezo superior, mantén bolsas de 180 euros por estudante para as familias monoparentais cunha renda per cápita de ata 6.000 euros, 5.400 euros para o resto das familias, é dicir, para o primeiro tramo dos contemplados; e de 104 para as monoparentais cunha renda por persoa de entre 6.001 e 9.000 euros, 5.401 e 9.000 no caso do resto das familias (segundo tramo).

Ademais, como xa se sinalou, o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios poderá percibir axudas de 250 euros con independencia da renda pér cápita familiar.

Respecto das bolsas para os libros de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria, establécense axudas de 170 euros por alumno para o devandito primeiro tramo de renda per cápita,  de tal forma que o importante da bolsa sexa suficiente para que as familias con menos recursos poidan adquirir os libros. Para as axudas do segundo tramo haberá axudas de 90 euros.

Plurilingüismo e  reposición

A Consellería volve ademais convocar axudas para a adquisición dos libros de 3º e 4º de primaria e 2º e 4º de ESO que cambian de idioma para dar cumprimento ao establecido polo Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Desta forma, e atendendo as mesmos umbrais para os devanditos tramos de renda per cápita, establécense bolsas 23 e 13 euros en educación primaria para o primeiro e segundo tramo, respectivamente. No caso da educación secundaria o importe será de 25 e 14  euros.

Doutra banda, e co fin de garantir o mellor estado dos manuais nos que aínda está vixente o sistema de préstamo, os centros poderán solicitar beneficiarse do programa de reposición de libros de texto nos niveis de 3º e 4º de primaria e 2º e 4º da ESO.

Procedemento

O prazo de solicitude será do 1 ao 30 de xuño para o alumnado de primaria; do 25 de xuño ao 26 de xullo para o da ESO que formalice matrícula no prazo ordinario, e o 1 ao 30 de setembro para os que a formalicen no extraordinario. As solicitudes e demais información poderán consultarse no DOG e no portal educativo da Xunta de Galicia, www.edu.xunta.es .

Ao igual que o pasado curso as familias que cumpran os requisitos para ser beneficiarios do programa recibirán nos seus respectivos centros educativos un vale co que poderán adquirir os libros no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento. Unha vez entregados os manuais, os establecementos presentarán as facturas na Xefatura Territorial da Consellería de Educación en cada provincia, para que lles sexan ingresados os importes correspondentes aos vales tramitados.

O obxectivo deste sistema é que as familias non teñan que desembolsar contía algunha polo importe das axudas, facendo máis fácil ademais os pagamentos, ao se reducir considerablemente o número de transferencias bancarias que ten que facer a Consellería. Por outra banda, a xeración automática dos datos da familia polo sistema informático simplifica considerablemente o labor dos centros educativos, elemento fundamental no proceso de tramitación das bolsas.