Galicia aposta por construír un futuro educativo baseado na calidade, na liberdade e na equidade do sistema

Así o manifestou a conselleira na conferencia sectorial celebrada hoxe en Madrid para abordar o anteproxecto de lei orgánica que modifica a LOMCE

Carmen Pomar rexeitou a volta ao pasado que representa a reforma e reivindica o pacto educativo como única alternativa

Mér, 09/01/2019 - 19:10
Galicia aposta por construír un futuro educativo baseado na calidade, na liberdade e na equidade do sistema

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar participou hoxe na Conferencia Sectorial de Educación desenvolvida en Madrid, onde apostou por construír un futuro educativo baseado na calidade, na liberdade e na equidade do sistema.

No encontro, centrado na análise do anteproxecto de lei orgánica que modifica a LOMCE, Pomar rexeitou a volta ao pasado que representa esta reforma, e reivindica o pacto educativo como única alternativa. Neste sentido reafirmou a vontade expresada por varias Comunidades Autónomas para establecer un diálogo que leve a unha reforma “que non quede na superficie, que signifique un paso cara adiante”, e que dea resposta ás demandas dos diferentes axentes educativos tras anos de reformas educativas. "Galicia será unha colaboradora leal para todo o que implique mellorar a educación, pero non conten con nós para avalar unha lei que implica volver ao pasado”, sentenciou a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia.

Na súa intervención, a conselleira referiuse á falta de lealdade institucional demostrada polo goberno do Estado na tramitación do anteproxecto de lei, feito de costas a algunhas autonomías e á comunidade educativa.

Ademais lamentou o carácter puramente político dos cambios, que non afrontan as verdadeiras necesidades da reforma do sistema educativo, en referencia á carreira profesional docente ou ao impulso da FP Dual, por exemplo. 

Fronte ao documento proposto polo Ministerio, Pomar defendeu o reforzo das liberdades educativas como garantía de calidade, así como unha nova ordenación académica que responda ao desenvolvemento de contidos e competencias conforme ao que precisa o alumnado do século XXI.

Para a conselleira, o modelo educativo debe basearse na flexibilidade, a transparencia e na rendición de contas, con avaliación que sirvan como instrumento de mellora e garantía de igualdade de oportunidades. Avogou polo impulso á FP cunha revisión do mapa de cualificacións e fixo fincapé na necesidade de converter o profesorado no piar fundamental do modelo. A este respecto lamentou que o anteproxecto presentado polo Ministerio non aborde cuestións tan relevantes como a formación e selección dos docentes, mentres que desde Galicia se aposta firmemente por unha reforma de calado neste eido.

A conselleira reivindicou tamén o modelo lingüístico de Galicia, que demostrou que a convivencia harmónica entre linguas é posible, necesaria e positiva para a aprendizaxe. Nesta liña demandou que todas as Comunidades Autónomas plurilingües garantan competencias plenas en todas as linguas oficiais.