A Consellería de Educación facilita que o alumnado de francés certifique o seu nivel neste idioma nas probas DELF escolar
En pasadas convocatorias os estudantes galegos conseguiron unha taxa de aprobados superior á da media nacional, do 100% no nivel A2, do 98,87% no B1 e do 97,20% no nivel B2
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional facilitará que as alumnas e alumnos de centros públicos de ensino secundario de Galicia que estuden a materia de Francés como primeira ou segunda lingua estranxeira, estean matriculados nunha Sección Bilingüe en Francés ou cursen o programa de Bacharelato de dobre titulación BachiBac se presenten ás probas DELF Escolar (Diplôme d’Études en Langue Française), no marco do Convenio de colaboración asinado entre esta Consellería e a Embaixada de Francia. Cómpre salientar que se trata dun recoñecemento oficial de lingua francesa expedido polo Ministerio de Educación Nacional de Francia e recoñecido internacionalmente por 174 países.
O prazo de matricula estará aberto do 1 ao 28 de febreiro de 2019 e realizarase na Alianza Francesa correspondente. As probas escritas desenvolveranse os días 29 de abril (niveis A2 e B2) e 30 de abril (nivel B1). Os exames orais terán lugar entre o 24 de abril e o 17 de maio.
A Consellería e as Alianzas Francesas da Coruña, Santiago e Vigo convocarán os centros e alumnado interesados no lugar de realización das probas que lles corresponda nas datas previstas. Os centros educativos onde se realizarán as probas do DELF Escolar son o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Blanco Amor (Ourense), IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e IES de Teis (Vigo).
Cada un destes centros está vinculado a un centro oficial acreditado polo CIEP -Centre International d’Études Pédagogiques- das Alianzas Francesas de Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) que conta con profesorado con formación pedagóxica específica e habilitado oficialmente como examinador e corrector do DELF.
As probas do diploma DELF Escolar están adaptadas para o alumnado adolescente e as taxas de exame son reducidas para o alumnado ao abeiro do devandito convenio.
Alto nivel de aprobados
Desde a implantación destas probas en Galicia, no curso 2016/17, o número de alumnas e alumnos inscritos aumenta cada ano. Na convocatoria de 2018 concorreron 730 persoas candidatas, o que representa un 18% máis respecto da convocatoria de 2017 e un aumento de máis do 200% de alumnado matriculado tras a sinatura do Convenio entre a Consellería e a Embaixada de Francia. Deste xeito Galicia sitúase como a cuarta Comunidade Autónoma en número de alumnado participante.
Ademais do alto número de alumnos e alumnas que poden gozar das vantaxes do Convenio, é importante subliñar o excelente resultado do alumnado galego nas probas, que acada o 100% de aprobados no nivel A2, o 98,87% no B1 e o 97,20% no nivel B2 (93% na media nacional), outorgando a Galicia unha taxa de aprobados superior á da media nacional. No que respecta aos niveis, o máis demandado é o nivel B1, que supón o 73% da matrícula total e aglutina un 44% do total das inscricións
Curso de habilitación
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba ademais de facer pública unha nova convocatoria de dous cursos de formación para profesorado PES de Francés. Ambos os dous cursos serán impartidos por formadores acreditados polo CIEP -Ministerio de Educación de Francia a través do Servizo de Cooperación e de Acción Cultural da Embaixada de Francia en España- e contarán cunha certificación de 8 horas de formación permanente do profesorado respectivamente xa que serán homologados pola Consellería.