Educación presentou en Bruxelas o curso multimedia de chinés ‘Chinesecom’ na Conferencia de Multilingualismo EU-China
O proxecto, impulsado pola Dirección Xeral de Educación, foi seleccionado pola Comisión Europea para participar neste evento
Este curso sitúase entre os catro cursos online de chinés máis valorados polo principal buscador da rede a nivel internacional
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de presentar o curso multimedia de chinés que está a impulsar no marco do proxecto CHINESECOM (www.chinesecom.eu) na Conferencia “EU-China Conference on Multiligualism” (Conferencia en Multilingualismo EU-China) titulada “Language learning: an open window to the world” (Aprendizaxe de linguas: unha fiestra aberta ao mundo), celebrada en Bruxelas co gallo do Ano EU-China da Mocidade.
CHINESECOM foi seleccionado pola Comisión Europea para participar neste evento, que contou con máis de 200 asistentes, estudantes universitarios europeos e chineses, así como diversos representantes de la Comisión Europea e autoridades chinesas entre los que se atopan o director xeral da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Unión Europea, Jan Truszczynsky, o director do Programa de Aprendizaxe Permanente da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Unión Europea, Pierre Mairesse, e o conselleiro de educación na misión chinesa diante da UE, ME Yansheng.
Este proxecto impulsado desde a Consellería ten como obxectivo contribuír á mellora da competitividade das empresas europeas promovendo a adquisición de competencias en lingua chinesa, formación que vai dirixida tamén a aqueles mozos e mozas que queiran comezar a aprendizaxe do chinés, como medio para lograr una inserción laboral privilexiada.
Cómpre lembrar que o portal www.chinesecom.eu , está situado entre os catro cursos online de chinés máis valorados polo principal buscador da rede a nivel internacional, sendo un dos máis visitados. Este curso, o primeiro de chinés-galego, é o ademais o único existente en Europa con tradución a unha lingua minoritaria, o que pon á nosa comunidade nunha situación de líder en canto á formación en lingua chinesa.
Promoción da aprendizaxe de linguas
O encontro celebrado en Bruxelas tivo como obxectivo principal a promoción da aprendizaxe das linguas entre a mocidade europea e chinesa. Nesta liña presentáronse diversos proxectos relacionados coas linguas europeas e o chinés. Ademais realizáronse grupos de traballo arredor da aprendizaxe de idiomas e carreiras nun mundo globalizado, ás novas formas de aprender idiomas no marco dos retos que plantexan as novas tecnoloxías da información e a comunicación, e do diálogo intercultural.
O encontro celébrase co gallo do Ano da Mocidade EU-China, que busca promover o diálogo intercultural e fortalecer o entendemento mutuo entre as mozas e mozos europeos e chineses, incitar aos máis novos a apoiar o desenvolvemento das relacións entre Europa e China e a contribuír a asegurar unha cooperación estable e continuada entre os responsables políticos e as organizacións da mocidade.
Un proxecto europeo
CHINESECOM desenvolveuse a través dun proxecto desenvolvido dentro do marco do programa 'Lifelong Learning', da Unión Europea, e nel participaron socios de seis países europeos, ademais dunha universidade de Pequín. O éxito débese en gran medida ao carácter innovador do mesmo, que incorpora abundantes recursos multimedia dunha gran calidade, e ao importante esforzo que se vén realizando para a súa difusión internacional.
O proxecto, conta con dez unidades de aprendizaxe, así como información cultural e xeral sobre o país asiático, polo que está a ser xa utilizado como material didáctico para o ensino do chinés en centros tan prestixiosos como a Universidade de Manchester ou a de Amberes e algunhas delegacións do Instituto Confucio, institución oficial do Goberno Chinés para promover a súa lingua.
O que inicialmente comezou como unha ferramenta que respondía a unha necesidade empresarial de favorecer o acceso a un mercado emerxente, está a constituírse nun referente en termos de aprendizaxe tanto da lingua como da cultura chinesa, que está a ser unha das linguas máis demandada a nivel internacional.
O feito de dispor de traducións dos seus contidos a seis idiomas (castelán, galego, inglés, francés, alemán, italiano) fixo que a súa utilización se disparase nestes países, onde os escasos recursos multimedia dispoñibles eran ofrecidos unicamente con tradución ao inglés. Neste sentido, a inclusión do galego confirma o compromiso da Consellería de Educación e de toda a Xunta de Galicia coa difusión e promoción da lingua galega.