O Consello Galego de Universidades informou favorablemente a proposta de educación para un incremento mínimo das taxas
A Consellería manterá o actual calendario das probas de acceso á Universidade
O Máster Universitario en profesorado contará con 775 prazas para o vindeiro curso académico, das que cen se corresponden coas ofertadas pola UNED
O Consello Galego de Universidades (CGU) celebrado hoxe informou favorablemente a proposta da Consellería de Educación de aplicar o vindeiro curso a suba mínima do 3,6% nas taxas universitarias, de xeito que se aplicará o tramo máis baixo establecido pola Conferencia General de Política Universitaria para prezos académicos e demais dereitos para os estudos conducentes á obtención de títulos oficiais universitarios. Unha cifra fixada cun intervalo acorde coa suba do IPC no período comprendido entre o 30 de abril de 2010 e o mesmo día e mes deste ano. O límite máximo permitido está establecido no 7´6%, é dicir no IPC incrementado en catro puntos porcentuais.
Deste xeito a Consellería propuxo o mínimo incremento posible volvendo a demostrar o seu compromiso coa formación do alumnado, co fin de evitar que os estudantes galegos teñan que deixar a un lado a súa formación como consecuencia do impacto da crise económica. Cómpre recordar que o ano pasado a Administración galega tamén fixou a suba no mínimo permitido, sendo unha das tres comunidades cos prezos máis baixos do Estado.
Acceso a universidade
No encontro celebrado no día de hoxe en San Caetano tamén se deu a coñecer a decisión de non modificar, polo de agora, o calendario das probas de acceso á Universidade, tal e como acontece en trece comunidades, xa que só catro adiantaron a convocatoria de setembro a xullo, o que implica adiantar tamén a de xuño. Cómpre recordar que no novo mapa universitario de Bolonia non está indicada a necesidade de alterar as datas dos exames.
Neste senso a Consellería recordou que na última Conferencia General de Política Universitaria propúxose “a adopción, por parte do Ministerio de Educación, de criterios comúns ao territorio do Estado por tratarse dun tema de interese xeral e que debe ser abordado de xeito global e facilitar a mobilidade dos estudantes para que non se vexan prexudicados na súa matrícula na universidade polos distintos calendarios”. A Consellería está a traballar neste momento, tanto a nivel autonómico como estatal para acadar un calendario homoxéneo para todas ás CCAA, que permita trasladar a xullo a segunda das probas de acceso para o curso 2012-13.
Máster en Profesorado
No Consello informouse sobre a organización do Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas. Así para o vindeiro curso haberá 775 prazas, das que 240 serán ofertadas pola Universidade de Santiago; 175 pola de A Coruña; 260 pola de Vigo, e 100 para aqueles que se matriculen a través da universidade a distancia (UNED).
Asemade neste encontro deuse conta de que a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería enviou a verificación o cambio de denominación do máster en Enxeñería Informática da Universidade de Santiago, que pasará a ser Máster Universitario en Tecnoloxías da Información.
Decreto de novos graos
No pleno do CGU tamén se presentou, para ser sometido a informe o proxecto de Decreto polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia, unha norma que permitirá a implantación de novos graos a partir do curso 2013-2014. O texto é froito do diálogo entre a Consellería e as Universidades e das ideas e propostas aportadas por ambas partes. Cómpre recordar que o Decreto acelera a racionalización do número de post-graos no sistema universitario galego. Así as universidades aínda teñen un ano para adaptar a oferta de másters á demanda real, tal e como está esixido no novo decreto, que recorda a necesidade de garantir que as alternativas sexan de calidade e con pertinencia socioeconómica para Galicia, é dicir que, entre outros aspectos, estean vencellados aos sectores estratéxicos de Galicia. O consello acordou por unanimidade asumir como propio o texto, unha vez sexa mellorado pola comisión de titulacións coas suxestións dos membros da devandita comisión. Superado este trámite, a Consellería continuará o procedemento previsto de cara a súa publicación no último trimestre do presente ano.
Os asistentes
Na reunión, celebrada en San Caetano, Santiago de Compostela, estiveron presentes o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo. Así mesmo estiveron os reitores de Vigo, Salustiano Mato; da Coruña, e de Santiago, Juan Casares Long, e a vicerreitora de Organización Académica e Titulacións da Universidade da Coruña, Ana Dorotea Tarrío Tobar -en representación do reitor da UDC-.
Xunto a eles asistiron ao CGU o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López Pereira, o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; os presidentes dos consellos sociais das universidades, Manuel Puga Pereira (USC), Antonio Abril Abadín(UDC), e Emilio Atrio Abad (UVIGO); e 4 representantes designados polo Parlamento.