Educación recoñece o esforzo e superación de 20 alumnos de ESO
A Consellería publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución dos galardóns correspondentes ao curso 2017/18
Estes premios valoran a capacidade de superación de dificultades do alumnado de ESO ben sexan de tipo persoal, educativas ou de contorno familiar e sociocultural
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20181211/AnuncioG0534-031218-0...) a resolución de concesión dos premios de Educación Secundaria Obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2017/18, cos que se recoñece o traballo de 20 alumnas e alumnos. Todos eles cursaron 4º de ESO durante o pasado ano académico e conseguiron superar as súas dificultades de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar ou sociocultural, no marco dun ensino comprensivo e integrado.
Os centros con alumnos galardoados (o nome do alumnado, polas especiais características destes premios, non se fai público) foron, na provincia da Coruña, o IES Miraflores (Oleiros), o IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), o CPR Plurilingüe Cristo Rey (A Coruña), o CPI da Picota (Mazaricos), o IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e o IES Isaac Díaz Pardo (Sada). Na provincia de Lugo o premiado cursa estudos no IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo). Na provincia de Ourense os premiados cursan estudos no IES Cosme López Rodríguez (A Rúa) e no IES Xesús Taboada Chivite (Verín). No caso da provincia de Pontevedra, contan con estudantes premiados o CPR El Pilar (Vigo), o IES Primeiro de Marzo (Baiona), o CPR Plurilingüe María Auxiliadora (Vigo), o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda), o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES A Xunqueira I (Pontevedra), o IES de Teis (Vigo), o IES Pedro Floriani (Redondela), e o IES Valadares, con dous premiados (Vigo).
Cada premio estará dotado con 750 €, aínda que o seu obxectivo real é que os galardoados sexan un exemplo para compañeiros e compañeiras en situacións similares, poñendo en valor o especial esforzo que supón acadar o éxito na escola para os estudantes que proceden de contornos socioculturais desfavorecidos, de contornos familiares disfuncionais, en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.