Política Lingüística convoca nove prazas en lectorados de galego de España, Italia, Alemaña e Portugal

As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o 25 de xuño

Xov, 26/05/2011 - 18:53

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar nove prazas en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas de España, Italia, Alemaña e Portugal. As universidades de destino españolas son a Complutense de Madrid, a de Barcelona, a de Granada e a de Deusto (Bilbao). As prazas de Italia son para a Universidade de Padua e para a de Roma La Sapienza, mentres que as portuguesas, outras dúas, teñen como destino a Universidade do Algarve e mais a do Minho. O lectorado alemán da Universidade de Heildelberg completa a convocatoria de prazas da secretaría xeral.

As persoas interesadas na convocatoria, que foi publicada onte no Diario Oficial de Galicia, poderán presentar a súa solicitude ata o próximo 25 de xuño. O 19 de xullo a partir das 09:30 horas, na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), terá lugar a fase da entrevista persoal para o proceso de selección.

O papel dos lectorados de galego na proxección exterior do idioma

Os centros de estudos galegos nacen a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas. Trátase de órganos de referencia nestas universidades a través dos cales se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico, senón tamén na súa área de influencia.

A maioría destes centros de estudos galegos, concretamente 32 dos 40 que existen na actualidade en países de Europa e de América, refórzanse coa presenza dun profesor lector ou lectora que, como complemento á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, a convocatoria de prazas nos lectorados responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Menús News node R