Carmen Pomar reúnese con equipos directivos de FP para avanzar na excelencia destas ensinanzas
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou hoxe a primeira sesión da xornada de formación continua de equipos directivos de centros con ensinanzas de Formación Profesional, desenvolvida no CIFP Politécnico de Santiago no marco da comunicación permanente que a Consellería quere manter cos xestores dos centros.
Tal e como explicou a titular de Educación da Xunta de Galicia, "só traballando de xeito coordinado e establecendo un diálogo fluído se poderán levar a cabo as accións destinadas á excelencia, modernización, tecnificación e internacionalización da Formación Profesional". Ademais, destacou que a nova estrutura orgánica da Consellería fai unha aposta aínda maior por estas ensinanzas, dado que se amplían as competencias relacionadas cos devanditos obxectivos de mellora.
Baixo o título Liñas de desenvolvemento na Formación Profesional, nesta xornada afondarase en materias como a innovación nos ciclos formativos, o plurilingüismo nesta etapa, a mobilidade do alumnado, o impulso ao emprendemento ou o desenvolvemento da FP Dual. Así mesmo, abordarase a orientación profesional, analizando a importancia da FP Básica na redución do abandono escolar, na mellora da inserción social e laboral e como oportunidade para continuar un itinerario formativo. A sesión complementarase cun segundo encontro previsto para xuño do vindeiro ano.