A conselleira de Educación salienta a implicación dos docentes no funcionamento das bibliotecas escolares
Carmen Pomar inaugurou hoxe as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
Estes espazos, corazón dos centros educativos, son un referente a nivel estatal
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, inaugurou hoxe as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, un foro no que agradeceu o compromiso dos docentes que asisten a este encontro e que traballan nos centros día a día para a mellora destes espazos. “Sen o seu esforzo, a súa ilusión e a súa motivación as bibliotecas escolares, que son as que fan latexar a vida nos centros, non poderían funcionar”, afirmou.
Carmen Pomar quixo tamén salientar o papel que xoga a biblioteca como impulsora de innovación, de metodoloxías activas e como referencia fundamental para a formación das competencias clave do alumnado. Neste sentido cabe sinalar que o 84% das bibliotecas escolares integradas no Plan de Mellora (PLAMBE) promove ou apoia traballos por proxectos en prol da innovación metodolóxica e que no 96% o alumnado fai un uso cotiá deste espazos para as aprendizaxes.
A conselleira de Educación fixo fincapé ademais no novo programa do seu departamento neste eido, o de Biblioteca Inclusiva, que pretende sensibilizar sobre a necesidade de avanzar cara a un modelo que responda ás necesidade de todo o alumnado e que enfronte os retos que presenta a diversidade. O obxectivo é facer deste un espazo máis de inclusión, de tal forma que se faga igualitario, normalizador e visibilizador da diversidade, dado que “en todos os programas que temos en marcha relacionados coas bibliotecas o máis importante, o que de verdade fai a diferenza, son as persoas”, destacou Carmen Pomar.
Un referente estatal
As bibliotecas escolares galegas continúan a ser un referente estatal. Neste sentido cómpre salientar que, segundo as estatísticas do Ministerio do ramo –datos do curso 2015/16–, están por riba da media nacional na gran maioría dos ítems analizados, grazas ao avance seu supuxo a posta en marcha no 2010 do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares, que no período 2016/20 está na súa segunda fase de aplicación.
Deste xeito, en Galicia o 79,3% das bibliotecas escolares desenvolvían no referido curso actividades de ensino e aprendizaxe para apoiar o desenvolvemento do currículo (fronte á media nacional do 66,8%), o 65,5% traballaban co tratamento da información e a competencia dixital (na media española só o 28,9%), o 80,7% realizaba actividades culturais e encontros literarios (moi por riba da media estatal do 60,1%) e o 50,5% implicaba ás familias nas súas iniciativas (mentres que de media en España só o facían o 36,3%). Cabe salientar, así mesmo, que nese ano académico o 81,5% das bibliotecas escolares galegas ofrecían formación para os seus usuarios, o dobre que a media estatal.
Encontro para a reflexión e o intercambio
As IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia celébranse hoxe e mañá no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela e constitúen a cita anual do profesorado interesado en temas relacionados coa lectura, os alfabetismos múltiples, as bibliotecas escolares e a educación, en definitiva. O encontro está aberto a todos os docentes e conta cun programa extenso no que se contemplan conferencias, presentación de boas prácticas nos distintos ámbitos do amplo mundo das bibliotecas escolares, mesas de debate e, como en anteriores ocasións, unha sesión denominada A fume de carozo, para a comunicación de dez actividades moi concretas levadas a cabo en bibliotecas de centros educativos galegos, seleccionadas entre as candidaturas presentadas a tal efecto.
Non en balde, un dos obxectivos principais destas Xornadas é dar a coñecer as experiencias de calidade contrastada no desenvolvemento de bibliotecas escolares galegas como centros creativos de aprendizaxe, así como boas prácticas en materia de formación lectora, voluntariado, biblioteca inclusiva, do programa Radio na Biblio e exemplos prácticos de desenvolvemento curricular a través de metodoloxías activas e de proxectos, vinculados á biblioteca escolar.
As sesións serven ademais como ocasión para o encontro entre o profesorado do amplo colectivo de docentes implicado no funcionamento e avance destes espazos que adoita redundar no reforzo de vínculos persoais e mesmo no comezo de novas colaboracións.