A Xunta presenta o proxecto de decreto polo que se permitirán novos graos a partir do curso 2013/2014
A Consellería de Educación continúa coa tramitación do texto que espera que sexa publicado no último trimestre deste ano
Deste xeito adáptase a oferta á demanda real existente, dando unha resposta educativa ampla, variada e de calidade
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de presentar o proxecto de decreto polo que se permitirán os novos graos a partir do curso 2013-2014 e polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais en Galicia.
Dito documento será sometido a informe preceptivo no Consello Galego de Universidades que se realizará este venres en San Caetano. O texto é froito do diálogo entre a Consellería e as Universidades e das ideas e propostas aportadas por ambas partes. Cómpre sinalar que un dos puntos de consenso foi que o mapa de titulacións de grao non debe abrirse antes de dous anos.
Por outra banda o decreto acelera a racionalización do número de post-graos no sistema universitario galego. Así as universidades aínda teñen un ano para adaptar a oferta de másters á demanda real, tal e como está esixido no novo decreto, que recorda a necesidade de garantir que as alternativas sexan de calidade e con pertinencia para Galicia.
A Consellería recorda que o texto continuará a súa tramitación e que será publicado no último trimestre do presente ano.