Carmen Pomar salienta o talento e o liderado como valores diferenciais
A conselleira participou hoxe en Vigo no encontro Educación e empresa, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia
Insistiu na relevancia do sistema educativo na preparación de nenas e nenos para vivir en sociedade
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe en Vigo no encontro Educación e empresa organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia. Na súa intervención, Pomar salientou o talento e o liderado como valores diferenciais e insistiu na relevancia do sistema educativo para a súa consecución. "A educación é clave" e nela "a excelencia debe ser sempre o obxectivo", coa atención á diferenza como requisito básico, afirmou.
Carmen Pomar definiuse como unha "firme defensora" de que son "as persoas as que marcan a diferenza" e sinalou a educación como "a mellor ferramenta" para descubrir as fortalezas a prol da sociedade. Para a conselleira, "non é posible educar sen educar nas emocións e en valores" e insistiu en que cómpre preparar os nenos e nenas para convivir, nun contorno no que as economías competitivas se basean na ciencia e na tecnoloxía.
Sistema xusto e integrador
Así, destacou o carácter "xusto e integrador" do sistema educativo galego, ademais da súa vinculación ás necesidades da poboación e dos sectores produtivos". Nesta liña, Carmen Pomar referiuse aos constantes avances na adaptación á demanda empresarial tanto na Formación Profesional coma no ensino universitario.
"Hoxe a FP galega é un referente en todo o Estado", afirmou, ao tratarse dunha "ensinanza moderna, dinámica, innovadora, adaptada á realidade socio-económica, fonte de emprendemento e porta aberta ao emprego".
Formación en sectores estratéxicos
A conselleira sinalou a FP Dual como exemplo do esforzo que se está a facer nesta modalidade de ensino orientada á empregabilidade. Desenvolvida co apoio de máis de 200 empresas, a FP Dual consegue a inserción laboral estable de nove de cada dez alumnos en sectores estratéxicos para a economía galega, como a automoción, as novas tecnoloxías, o turismo ou a pesca, entre outros.
Para a conselleira, en Vigo a Formación Profesional "xoga un papel fundamental como catalizadora das demandas do tecido socioprodutivo local, líder na economía galega". Ante esta realidade, a Xunta expresou o seu compromiso a través do proxecto pioneiro Campus FP de Vigo. O que será o primeiro campus especializado en Formación Profesional do Estado permitirá formar capital humano altamente cualificado á vez que fortalecerá o emprendemento.
Ademais, cómpre sinalar que a Consellería ten en marcha diversos programas orientados a estimular o espírito emprendedor entre o alumnado non universitario no marco do programa Eduemprende, no que colaboran diferentes asociacións empresariais, como o Círculo de Empresarios de Galicia.
Adiantándose ao futuro
A titular de Educación abordou tamén a importancia do ensino universitario na consecución dunha economía de alto valor engadido. "Xa se está a traballar no futuro", afirmou, ao referirse ao Proxecto de elaboración de Galicia 2030: perfís profesionais de futuro e novas titulacións e especialidades universitarias.
Trátase dun documento impulsado pola Consellería que permitirá dispoñer dun Catálogo de profesións de futuro e unha proposta de novas titulacións e especialidades adaptadas a el antes de 2020. A Fundación Empresa-Universidade Galega elaborará o proxecto por encarga da Consellería.