O Plan de mellora de bibliotecas escolares incorpora 27 centros públicos
Ao abeiro desa convocatoria, dotada con preto de 1,3 millóns de euros para este ano, facilítanse a os recursos necesarios para o funcionamento como espazo creativo de aprendizaxes e de fomento da lectura
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180920/AnuncioG0164-120918-0002_gl.html ) a orde pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) en centros públicos non universitarios para o curso 2018/19, de tal forma que se incorporan 27 centros a este programa, ata sumar un total de 655 participantes.
Os novos centros incorporados son, na provincia da Coruña, o CEIP Cidade Vella (A Coruña), CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña), CEIP de Caión (A Laracha), CEIP Juana de Vega (Oleiros), CEIP de Pousada Carcacía (Padrón), CEIP Rosalía de Castro (Padrón), IES Camilo José Cela (Padrón), CEIP Plurilingüe A Fraga (As Pontes de García Rodríguez), e CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela). Na provincia de Lugo resultaron escollido o CEIP de San Cosme (Barreiros), CEIP Veleiro-Docampo (Castro de Rei), CEIP Santa María (A Fonsagrada), CEIP de Casás (Lugo), CEIP Poeta Avelino Díaz (Meira) e CPI Dr. López Suárez (O Saviñao); mentres que na de Ourense incorporarase o CEIP San Marcos (Cartelle). Na provincia de Pontevedra os centros de nova incorporación son o IES Ramón Cabanillas (Cambados), CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei), CEIP da Armenteira (Meis), CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña), IES A Xunqueira I (Pontevedra), CEIP de Noalla-Telleiro (Sanxenxo), CEIP de Tebra (Tomiño), CEIP Valle-Inclán (Vigo), IES Carlos Casares (Vigo), CEE de Vilagarcía de Arousa (Vilagarcía de Arousa), e CEIP de Sestelo-Baión (Vilanova de Arousa). Cabe salientar que, a igual puntuación para entrar no programa, a Consellería primou os centros situados no rural.
Diferentes axudas
A través desta convocatoria, á que se destinan 1.259.500 euros, incorpóranse estes novos centros e concédense outras contías aos incluídos en anteriores convocatorias. Deste xeito, as axudas para os centros de nova incorporación están destinadas á actualización e adquisición dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. A súa adxudicación decídese logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde (que se materializa na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro.
No caso dos centros públicos incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2007 reciben asignacións para fondos; os que se integraron entre 2008 e 2010, para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos; os centros integrados entre 2011 e 2016 contías para fondos; e os incorporados en 2017 para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.
Espazo de dinamización e inclusión
O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que persigan a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.
Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.
Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI. Entre os doce ámbitos de actuación definidos como desafíos do Plan LÍA, a Consellería de Educación segue a impulsar e reforzar a rede de bibliotecas escolares que precisa de actuacións continuadas para lograr avances na renovación das bibliotecas da totalidades dos centros, de forma progresiva.