O conselleiro de Educación asiste á presentación da web da Asociación de Altas Capacidades de Galicia, en Santiago de Compostela
O novo portal ten como obxectivo informar á sociedade das peculiaridades das nenas e nenos con altas capacidades e das metodoloxías para integralos no mundo laboral
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu está maña a presentación do novo portal web da Asociación de Altas Capacidades de Galicia, que tivo lugar no centro social de Nova Caixa Galicia, en Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención Vázquez Abad recordou que “desde a Consellería de Educación queremos poñer os recursos necesarios para que todo o alumnado reciba a atención necesaria, tendo en conta tanto as súas potencialidades como as súas necesidades educativas. Para iso, como ben sabedes, realizamos un gran esforzo na elaboración dun Decreto de Atención á Diversidade”. Asemade o conselleiro destacou que “é responsabilidade nosa, da comunidade educativa e das familias, ser capaces de transmitirlles esa ilusión e esa capacidade para sorprenderse cada día. Tamén actuar como modelos de persoas que se esforzan, escoitan, animan, comparten e acollen”.
Con esta nova aplicación ASAC ten como obxectivo informar sobre as peculiaridades das nenas e nenos con altas capacidades, e dar axuda aos docentes no seu labor cotián, así como nas metodoloxías que pódense empregar para que estas persoas cheguen a acadar o pleno desenvolvemento tanto intelectual como afectivo e social. Ademais neste enlace haberá actividades, xogos e información para cubrir as demandas que mostren neste senso.
No acto tamén estiveron presentes a profesora de psicoloxía da Universidade de Santiago e investigadora de altas capacidades, Carmen María Pomar Tojo; a divulgadora científica e periodista, María Solar Núñez; o catedrático de electromagnetismo da USC, Jorge Mira; a o ilustrador, profesor e co- responsable do portal de ASAC, Xosé Tomás Díaz.
Os obxectivos de ASAC
Cómpre recordar que ASAC é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1995, e con sede na facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, ten como obxectivo de acoller a todas as familias de nenos con alta capacidade intelectual. Así a asociación pretende, a través de talleres de enriquecemento e saídas culturais, estimular as capacidades dos nenos e proporcionar un ambiente que facilite a convivencia e o desenvolvemento das habilidades sociais.
Ademais, prográmanse distintas conferencias e charlas para orientar e formar aos pais no mundo das Altas Capacidades. Un Equipo Técnico colabora na organización das actividades ao tempo que presta información e axuda a aquelas familias e nenos que o necesiten.