Os centros educativos poderán solicitar as axudas de Política Lingüística para fomentar o uso do galego ata o vindeiro luns
A achega económica ascende a 878.000 euros
O prazo de solicitude das axudas de Política Lingüística para fomentar o galego no sistema educativo permanecerá aberto ata o vindeiro luns, polo que os centros de ensino aínda poden presentar os seus proxectos nos próximos días. A través desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 11 de xaneiro, a secretaría xeral apoia e impulsa o labor dos equipos de dinamización da lingua galega, un dos principais motores de dinamización lingüística nos centros.
A contía das axudas ascende a un total de 878.000 euros. En concreto, destinaranse 800.000 euros aos centros de titularidade pública para a realización de actividades que promovan a lingua galega, mentres que os de titularidade privada recibirán un total de 78.000 euros.
A avaliación dos proxectos
Para a asignación das achegas económicas a cada proxecto presentado teranse en conta diversos aspectos, como a orixinalidade nas propostas, a potenciación das competencias lingüísticas -especialmente as orais- e a utilización de novas tecnoloxías. Tamén se avaliará positivamente a colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro para promover o uso da lingua galega na contorna, así como a colaboración con outros centros educativos na realización de actividades. Tamén se terán en conta o número de estudantes aos que vai dirixido o proxecto, así como a implicación activa dos membros da comunidade educativa nas actividades propostas.
Concurso-Exposición Letras Galegas 2010
Outra das iniciativas que ten en marcha a Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixida aos centros educativos de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o Concurso-Exposición Letras Galegas 2010, para o que se poderán presentar os traballos ata o próximo día 8 de febreiro. A través desta actividade, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo promove a elaboración desde a comunidade escolar dunha exposición sobre a obra, época e lingua de Uxío Novoneyra, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e/ou sobre a situación sociolingüística na que viviu o escritor courelao, que debe estar conformada por quince carteis de 70x100.
Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por un importe de 4.000 euros, 1.000 máis que na pasada edición. Ademais, a mellor exposición de cada unha das dúas categorías que se establecen será imprimida e distribuída en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros de emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros. As bases do concurso poden consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/linguagalega/premios_equipos_normalizacion.
A través de actividades coma este concurso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere sumarse ás iniciativas que durante este ano difundirán a obra e a vida do autor do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.