O novo CEIP de Culleredo abrirá con 53 alumnos matriculados, o 100% dos que solicitaron praza
Román Rodríguez visitou o colexio, no que a Consellería investiu 4,5 millóns de euros, durante unha xornada de portas abertas para nais e pais
Desde 2009, a Consellería mobilizou máis de 10 millóns de euros nos centros do concello, dando resposta á demanda de escolarización cun novo IES e novo CEIP
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta tarde, con motivo dunha xornada de portas abertas para nais e pais, o novo CEIP de Culleredo, que se estreará o vindeiro curso 2018/19 con 53 alumnos e alumnas, o 100% dos que solicitaron praza. Aínda que ata setembro pode variar levemente a matriculación, actualmente está previsto abrir cinco unidades: dúas para educación infantil e tres para primaria. Na visita participou tamén o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro.
Cómpre destacar que este colexio, no que a Consellería investiu 4,5 millóns de euros, ten capacidade para acoller 450 alumnos. O centro –cuxas obras se iniciaron a finais de 2016 e remataron este mesmo ano– está dotado con 6 aulas de educación infantil na planta baixa e 12 de primaria na primeira planta, xunto con outras 4 para desdobres e apoios educativos.
Así mesmo, o recinto tamén conta con dúas pistas polideportivas, unha delas cuberta; un patio especifico para infantil pavimentado en caucho e cunha parte cuberta por un soportal; un ximnasio en planta baixa; un espazo preparado para albergar comedor; unha sala de usos múltiples; e unha biblioteca, entre os principais espazos.
Tal e como destacou o conselleiro, trátase dun colexio preparado para dar resposta á ampla demanda de escolarización do concello, tal e como se leva facendo nos últimos anos. Deste xeito, lembrou que, desde 2009, o departamento educativo da Xunta de Galicia mobilizou máis de 10 millóns de euros nos diferentes centros de Culleredo.
En concreto, máis de 4,7 millóns destináronse á construción do novo IES Rego de Trabe, aos que se suman os 4,5 do novo CEIP. Así mesmo, tamén se fixeron obras menores no CEIP Sofía Casanova (reparación da cuberta e ampliación do comedor), e no IES Blanco Amor (reforma da cuberta e fachadas). Este mesmo ano 2018 está previsto investir case 140.000 euros en pequenas accións nestes dous últimos centros, así como no propio IES Rego de Trabe e no IES Universidade Laboral.
Escolarización asegurada
A maiores, Román Rodríguez trasladou que a escolarización en Secundaria no concello de Culleredo está totalmente asegurada, ben sexa no centro de referencia ou noutro próximo. En todo caso, explicou que ata setembro non se pecharán os datos de matriculación, polo que poden rexistrarse variacións con respecto á situación actual.