As universidades galegas ofertarán por primeira vez o próximo curso catro graos en inglés
O secretario xeral de Universidades explica no Parlamento que, como mínimo, o 80% dos créditos obrigatorios do título serán impartidos en lingua inglesa
Esta acción, incluída no Plan de Excelencia do SUG, estréase con Enxeñaría Informática (UDC), Grao en Química (USC), en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e en Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais (ambos da UVigo)
As tres universidades galegas ofertarán por primeira vez o vindeiro curso 2018/19 catro graos en inglés. Así o avanzou na Comisión 4ª do Parlamento o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, quen detallou os títulos que estrearán este formato: Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña; Grao en Química da Universidade de Santiago; e Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais, ambos da Universidade de Vigo.
Esta acción enmárcase no decálogo de medidas do Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG), para o trienio 2018-2020, presentado pola Consellería de Educación o pasado mes de novembro co obxectivo de impulsar a calidade do sistema, tanto a nivel estrutural como a nivel de alumnado e profesorado.
Neste sentido, cómpre destacar que para o vindeiro curso estaba previsto poñer en marcha tres accións: o primeiro grao interuniversitario do SUG (Grao en Paisaxe, impartido entre a USC e a UDC), a mellora en ránking internacionais e a posta en marcha dos primeiros graos en inglés.
Os graos en inglés non son títulos ex-novo, senón que se plantexa, a proposta da propia universidade, a creación dun grupo en inglés dentro do título. Neste caso, o 80% dos créditos obrigatorios do título serán impartidos en lingua inglesa. Aínda que a previsión inicial era habilitar tres graos en inglés, un por universidade, finalmente foron catro, dado que no caso da UVigo produciuse un empate entre dúas das titulacións que se presentaron ao procedemento trala avaliación da comisión de valoración interna.
Tal e como salientou Díez de Castro, as universidades recibirán no presente ano un total conxunto de 100.000 euros para desenvolver esta acción que busca fomentar a calidade do sistema e favorecer a súa internacionalización. Así mesmo, tamén lembrou que o campus de Ferrol ofertará un grao bilingüe, que está suscitando un amplo interese.
Cinco novos títulos no curso 2018/19
Cómpre destacar que estes catro graos en inglés afondan na mellora da oferta de titulacións do SUG. De feito, Consellería e universidades levaron a cabo o ano pasado –por primeira vez en España– unha planificación conxunta a medio prazo da oferta académica superior, que inclúe 14 novos graos en tres anos. Neste sentido, cinco deles comezarán a impartirse este próximo curso. Trátase, tal e como explicou o secretario xeral, de títulos adaptados á especialización dos campus e ás demandas do tecido produtivo e do alumnado.
Ranking internacionais
Ademais, outra das accións incluídas no Plan de Excelencia é a mellora nos principais ránking internacionais: Academic Ranking of World Universities (coñecido como ránking de Xangai), Times Higher Education e QS World University Rankings. A Consellería xa recibiu as propostas de cada universidade con accións previstas a tres anos para progresar nos distintos apartados destas clasificacións mundiais. Cada universidade recibirá, este ano, 100.000 euros.