Arredor de 45.000 estudantes realizarán con novidades a avaliación de diagnóstico nos centros educativos de Galicia
A Consellería de Educación organiza estas probas co fin de coñecer o nivel de desenvolvemento das capacidades básicas do alumnado
As probas realizaranse os días 11 e 12 en 2º da ESO e o 19 e 20 en 4º de primaria
Participarán 1.100 centros de ensino, que xa están a recibir instrucións para o desenvolvemento da avaliación
Declaracións do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Arredor de 45.000 alumnas e alumnos de 2º da ESO e 4º de primaria someteranse nas vindeiras semanas á Avaliación de Diagnóstico 2011 na Comunidade Autónoma de Galicia, que organiza por segunda vez a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Uns 1.100 centros educativos de Galicia –todos os que imparten ensinanza básica- pasarán as probas entre o seu alumnado. A Avaliación realizarase os días 11 e 12 de maio na ESO e 19 e 20 do mesmo mes en primaria.
O obxectivo desta proba é coñecer o nivel de desenvolvemento das capacidades básicas do alumnado ao remate dos devanditos cursos - ao mesmo tempo, fin do segundo ciclo de primaria e do primeiro de secundaria-.
Unha novidade importante desta avaliación respecto da anterior consiste en que os materiais correspondentes para a súa aplicación (caderniños das tres competencias a avaliar e cuestionarios de alumnado e familias) serán distribuídos aos centros educativos directamente desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos días anteriores ás datas de celebración das probas, liberando deste xeito aos centros educativos dunha importante carga de traballo.
Competencias avaliadas
Este curso avaliaranse as competencias matemática, no coñecemento e na interacción co mundo físico – por primeira vez este ano- e en comunicación lingüística. A avaliación realizarase mediante probas con caderniños, rexistros de audio, e cuestionarios. Deste xeito os caderniños conteñen os ítems que avalían as competencias, e están estruturados en torno a unha proposta de traballo ou estímulo, en relación ao cal se realizan as preguntas.
Doutra banda, na avaliación recóllense aspectos referidos ao contexto sociocultural do alumnado e dos centros, dos que se extrae índice socioeconómico e cultural (ISEC) que contribúe a unha interpretación máis axustada dos datos. Esta información obtense a partir da cubrición dos cuestionarios por parte dos estudantes, dos centros e das familias
Informe de centro
En datas posteriores á aplicación da proba, os centros educativos terán ao seu dispor un informe individual de centro, cos resultado máis salientables da avaliación.
Tamén con posterioridade á celebración da mesma, realizarase unha avaliación de contraste nunha mostra significativa de centros por parte da inspección educativa, co obxecto de realizar unha verificación de calidade do proceso avaliador. Ademais realizarase unha comparativa cos resultados da anterior avaliación de diagnóstico de Galicia, realizada en outubro de 2009.
Cómpre lembrar que en ningún caso se distribuirán os resultados individuais de cada estudante, xa que estas probas non pretenden ser unha competición entre eles nin entre os centros, senón unha ferramenta para a mellora da calidade do ensino en Galicia.
Declaracións do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa