A Consellería de Educación recibiu máis de 7.300 solicitudes para o procedemento de acreditación de competencias

O éxito da convocatoria dá boa conta da demanda social deste procedemento impulsado pola Consellería de Educación

A acreditación desenvolvida pola Xunta de Galicia é pioneira no Estado, ademais de ser a que conta cunha oferta máis ampla de unidades de competencia

Sáb, 07/05/2011 - 12:00

Video coas declaracións de José Luis Mira

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de recibir máis de 7.300 solicitudes para algunha das 3.200 prazas ofertadas no proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral que está a impulsar. O éxito desta convocatoria dá conta da capacidade de resposta do departamento educativo da Xunta de Galicia diante dunha demanda manifesta de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade  na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias  profesionais.

O procedemento de acreditación desenvolvido pola Consellería de Educación é pioneiro no Estado, ademais de ser o que conta cunha oferta máis ampla de unidades de competencia, dando resposta a diferentes sectores. De feito convocáronse 3.200 prazas nun total de 44 unidades de competencia, dirixidas a aqueles traballadores e traballadoras con experiencia laboral en distintos sectores produtivos: soldadores, instaladores eléctricos, camareiros, reposteiros, pasteleiros, cociñeiros, chapistas, pintores de vehículos, auxiliares de farmacia ou parafarmacia, axudantes de emerxencias ou de transporte sanitario ou educadores infantís. 

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación conta cunha ampla experiencia no procedemento de acreditación. De feito, desde a súa participación no proxecto ERA (Evaluación, Recoñecemento e Acreditación) no ano 2003, vén realizando diferentes convocatorias para a acreditación das competencias profesionais adquiridas  pola experiencia laboral. A anterior convocatoria, para 1.600 prazas de diferentes familias profesionais, foi un gran éxito, xa que se recibiron un total de 3.283 solicitudes.

Unidades máis demandadas

A convocatoria da Consellería de Educación dá cumprida resposta ás demandas da sociedade, con 44 unidades de competencia nas que se poden inscribir os interesados. De entre as solicitudes recollidas, as que gozan dunha maior acollida son as relacionadas co ciclo de Emerxencias sanitarias (máis de 4.200 solicitudes), seguidas das do ciclo de Educación Infantil (máis de 900 solicitudes). Estes ciclos gozan dun gran éxito entre a cidadanía galega, o que se reflectiu tamén no alto número de solicitudes que se recibiron cando este curso se abriu por primeira vez a posibilidade de cursar estes ciclos na modalidade a distancia.

En terceiro lugar atópanse as solicitudes para as unidades de competencia relacionadas co ciclo de Farmacia e Parafarmacia. Séguenas as do ciclo de Cociña e Gastronomía, Instalacións eléctricas e automáticas, Soldadura e caldeiraría, Servizos en Restauración e Carrozaría.

Fases

As listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas en cada unidade de competencia publicaranse o 30 de maio. A relación definitiva de persoas admitidas publicarase no prazo máximo de 20 días desde a publicación das listaxes provisionais.

Unha vez publicadas as listaxes definitivas dará comezo o proceso de acreditación, composto por tres fases. Na primeira o aspirante será asesorado de forma individual e valorarase se hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia que pretenden acreditar, indicándoselle a conveniencia de pasar ou non á fase seguinte de avaliación.

Na fase de avaliación comprobarase se o candidato demostra a competencia profesional requirida. Unha vez avaliados a Consellería de Educación e Ordenación universitaria expedirá a acreditación para cada unha das unidades de competencia superadas. Estas acreditacións  teñen carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado, así como os efectos académicos e profesionais previstos na lexislación vixente no tocante  a exencións, correspondencias e validacións.

Información e asesoramento

Tanto na fase de asesoramento como na de avaliación os aspirantes serán informados do posible itinerario formativo, sobre a formación complementaria que poderán realizar, e os centros onde se oferta.

Para facilitar o proceso a Consellería porá a disposición de todas as persoas que o soliciten un servizo aberto e permanente que facilite información e orientación, nos centros integrados de formación profesional e nos centros de formación profesional de titularidade pública dependentes da Administración educativa. Na realización do proceso participarán arredor de 150 profesionais habilitados, que realizarán as funcións de asesoramento e avaliación das persoas candidatas

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema