O número XXXIII da revista ‘Ágora do Orcellón’ ve a luz coa colaboración de política lingüística
O secretario xeral Valentín García participou na presentación do novo volume que se celebrou este mediodía na Casa da Cultura do Carballiño
Valentín García Gómez participou este mediodía no acto de presentación do XXXIII volume da revista ‘Ágora do Orcellón’, que edita o Instituto de Estudios Carballineses coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Valentín García destacou a variedade e relevancia, “non só para a comarca do Carballiño, senón para toda Galicia”, dos traballos que compoñen o último número de ‘Ágora do Orcellón’, “unha publicación que divulga cultura e ciencia en galego desde un compromiso sincero coa realidade da nosa comunidade”.
A canda o secretario xeral de Política Lingüística participaron na presentación Francisco Fumega, alcalde do Carballiño; Avelino Muleiro, director do Instituto de Estudios Carballineses; Camilo Fumega Ucha, astrónomo a quen se lle dedica un dos artigos da revista; e os colaboradores deste número de ‘Ágora do Orcellón’ Antón Pulido, Estanislao Fernández de la Cigoña, Ana Isabel Rodríguez, Manuel Mandianes e Xesús Alonso Montero.
O número XXXIIII da revista ‘Ágora do Orcellón’ ábrese cunha presentación do director do Instituto de Estudios Carballineses, Avelino Muleiro, e continúa cunha serie de artigos de temas variados que van desde a erradicación da hepatite C (a cargo de María Crespo Leiro e Ventura Ferrer Castro) ou a historia da farmacia no século XVIII (da autoría de Miguel Soaje Álvarez) ata o verbo dos canteiros (de Xesús Antonio Gulías) ou a autora homenaxeada o pasado Día das Letras Galegas (de Xesús Alonso Montero).
Completan o volume as colaboracións de Fernández de la Cigoña Núñez (“O puzo do Lago visto por un naturalista”), Mercedes Losada (“Escoitando o silencio”), Ana Isabel Rodríguez Bernárdez (“Camilo Fumega Ucha: unha vida mirando o ceo”), Adolf Tobeña (“Urxencias secesionistas en Cataluña: adoutrinamento mediático e presión social” e “A Cataluña atrincheirada: unha aventura secesionista atrapada nun empate etnopolítico”), Domingo Dacal Morgade e Xosé Dacal Londoño (“O home das tres vidas: Cristóbal Pedro Colón Álvarez de Soutomaior. Colón e o mosteiro de Guadalupe”) e Manuel Mandianes (“Viaxe sen retorno”).
Instituto de Estudios Carballineses
O Instituto de Estudios Carballineses é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que na actualidade conta con preto de duascentas persoas asociadas e que desde a súa fundación, en 1999, vén realizando unha serie de actividades culturais entre as que destaca a publicación semestral da revista ‘Ágora do Orcellón’. Entre os seus obxectivos fundacionais destacan os de fomentar, orientar e coordinar o labor investigador nas diferentes ciencias, técnicas, artes etc., así como en todas as manifestacións que se relacionen co Carballiño e coa súa comarca.