A app Bus do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo recibe o IV premio Inventa en galego
Os IES Menéndez Pidal e Moncho Valcarce compartiron o segundo premio
O secretario xeral de Política Lingüística entregou os galardóns nun acto celebrado esta mañá na Coruña
Valentín García Gómez entregou esta mañá no IES Menéndez Pidal da Coruña os premios da IV edición do concurso ‘Inventa en galego’, convocado por Igaciencia co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. No mesmo acto tamén se celebrou a entrega dos premios ‘Sensores para todos’, que perseguen facer unha utilización tecnoloxicamente interesante dos sensores de Arduino ou Lego.
O secretario xeral de Política Lingüística valorou “a capacidade e a vontade de tantos mozos e mozas de Galicia que son quen de empregar o galego para cousas hai poucos anos impensables”. Así mesmo, expresou a súa satisfacción polo feito de que as app gañadoras sexan tan prácticas e útiles, que respondan “a necesidades reais que teñen diferentes colectivos”, porque “moita xente as vai empregar, así que o galego gañará uso grazas a vós”.
Valentín García estivo acompañado neste acto por Silvia Cameán Calvete, concelleira de Xustiza Social e Coidados da Coruña; Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia e Mª Estrella Pérez Freire, directora do IES Menéndez Pidal da Coruña.
Apps para o autobús, o surf e o turismo
Nesta cuarta edición do certame ‘Inventa en galego’, o primeiro premio correspondeulles aos alumnos Andrés Pérez e Samuel Uxío Rodríguez coordinados polo profesor Ángel Acción, do IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo, pola súa app Bus. A aplicación permite ver as rutas dos autobuses urbanos da Coruña, canto tempo tardarán en chegar e onde están en cada momento. Ademais, ten unha función que permite localizar as paradas polo seu nome ou pola proximidade á situación do usuario e, se este o desexa, envía notificacións cando o autobús chega a unha determinada parada.
O segundo premio de ‘Inventa en galego’ compárteno o IES Menéndez Pidal da Coruña coa aplicación Surfistas e o IES Moncho Valcarce das Pontes de García Rodríguez coa aplicación Descubrindo GZ. A primeira -elaborada polos estudantes Alejandro Tojo, Diego Carracedo e Paula Pérez, dirixidos pola profesora Paz Freire- permítelles aos surfistas ter información actualizada das condicións das praias próximas á cidade da Coruña. A aplicación creada polo alumnado do IES Moncho Valcarce -Andrés Rivera, Xoel Pena, Sergio Cal, Paula Sabín, Uxía Calvo, Noelia González, Camila dos Santos e Felipe Martínez, coordinados polo docente José Manuel Martínez- convida os usuarios e usuarias a visitar distintos lugares da xeografía galega e prémiaos cada vez que chegan ao destino proposto.
Inventa en galego
‘Inventa en galego’ é unha proposta que Igaciencia -Institución Galega de Ciencia- lles fai aos centros educativos de Galicia para que elaboren unha app Android na linguaxe de programación App Inventor que sexa útil no contorno próximo dos centros educativos onde se crea.
No concurso, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, poden participar equipos de escolares de primaria ou secundaria presentados por un docente. Os traballos deben ser inéditos e en galego, sen prexuízo de que se poidan usar de máis a máis outros idiomas.