Os Bolechas e o amigo Monte chegan o sábado a Teo da man do FalaRedes
Poderá gozarse do novo espectáculo de sensibilización lingüística e ambiental ás 12,00 horas no Auditorio Constante Liste da Ramallosa
Coma sempre, a entrada e libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados
FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede
Os Bolechas e o amigo Monte, a nova proposta da familia animada máis famosa de Galicia para este verán, chegará o sábado da man do Falaredes á localidade coruñesa de Teo, en cuxo Auditorio Constante Lista da Ramallosa se poderá gozar a partir das 12,00 horas. Coma sempre no programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados.
Os Bolechas daranse cita coa cativada de 3 a 9 anos e coas súas familias durante o verán e chegarán nas vindeiras semanas a Lousame, A Coruña, Ramirás, Baiona, Vilaboa, Barreiros, Mondoñedo, Cangas, Chantada, Portas, Ferrol, Frades, Bande, Oímbra e Arzúa, todas elas adscritas á RDL.
Sensibilización ambiental en 21 concellos da RDL
Un ano máis, a divertida familia Bolechas, todo un referente galegofalante para os nenos e nenas, percorre Galicia da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes cun espectáculo que promove a participación dos nenos e nenas na nosa lingua cunha nova e divertida aventura que servirá, ademais de para pasalo ben, para mostrarlles aos máis pequenos a importancia de coidarmos o monte e a maneira de facelo, iniciándoos na prevención dos incendios forestais. Para iso, Os Bolechas solicitarán a intervención do público en probas de habilidade axeitadas para rapaces de 3 a 9 anos e establecerán un diálogo cos nenos e nenas acerca do monte, da súa fauna e da súa flora.
Para que a actividade de dinamización lingüística teña continuidade máis alá do día do espectáculo, os asistentes a el obterán unha palabra clave que lles permitirá acceder ao web www.osbolechas.gal/amigomonte/, onde atoparán diversos contidos (xogos, diplomas, unidades didácticas...) e poderán participar en sorteos de lotes de libros. Toda a información e calendario de funcións no enlace www.lingua.gal/bolechas-amigo-monte e na Axenda de Cultura de Galicia.
Dinamizando en rede
FalaRedes é un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a RDL, que conta xa con preto de 190 entidades locais adheridas. Neste ano 2018, FalaRedes chega á súa sétima edición cos obxectivos de ampliar a oferta de ocio na nosa lingua e dotar os concellos de actividade en galego, de promover o seu uso e valoración social e de apoiar os artistas que desenvolven a súa creatividade na lingua propia de Galicia.
Catro edicións anteriores do programa FalaRedes acolleron os espectáculos Os Bolechas na máquina do tempo, Os Bolechas e o sabichón, Os Bolechas van ás olimpíadas e De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas. Toda a información sobre as actividades de FalaRedes deste ano poden verse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.