Román Rodríguez anuncia a extensión do plurilingüismo a 58 centros en infantil e a 4 en bacharelato para o próximo curso
O conselleiro de Educación comparece no Parlamento para realizar un balance das principais accións do curso actual 2017/18, definido por unha aposta polas linguas estranxeiras e a educación dixital, así como pola blindaxe da equidade e inclusión
Ademais de incrementar o número de centros plurilingües ata alcanzar os 375, no 2018/19 tamén se poñerá en marcha o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía co fin de fomentar as competencias STEM e o vínculo coa Universidade
Amplíase a formación en respecto e igualdade, posto que os centros poderán ofertar dúas novas materias de libre configuración autonómica: “Coeducación para o século XXI” e “Sociedade inclusiva”
Tamén se reforzará a FP Dual con catro ciclos do sector da madeira e moble en colaboración con empresas líderes no sector e dous ciclos en Marítimo-pesqueira
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez compareceu hoxe no Parlamento de Galicia a petición propia para realizar un balance das principais accións e programas desenvolvidos neste curso 2017/18, que remata este xoves. Así mesmo, avanzou algunhas das medidas que se poñerán en marcha o próximo curso 2018/19. De feito, anunciou que, dentro do desenvolvemento da estratexia Edulingüe, o vindeiro setembro o ensino plurilingüe continuará coa súa extensión en Infantil e Bacharelato, iniciada no curso actual. Deste xeito, e segundo os datos provisionais, haberá 58 novos centros con Plurinfantil, chegando así a 141; e 4 máis con Pluribach, o que duplica os existentes. En total, o número de centros plurilingües (pendente da resolución dos ciclos plurilingües) ascenderá a 375, é dicir 53 máis con respecto aos 322 actuais.
Ademais de seguir avanzando, tanto cuantitativa como cualitativamente, na implantación do ensino plurilingüe a través de centros, seccións bilingües e auxiliares de conversa, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou o desenvolvemento da estratexia Edudixital 2020, sobre todo no ámbito STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Para o vindeiro curso poñerase en marcha por primeira vez o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, o STEMbach, especialmente vinculado coa Universidade porque o alumnado deberá realizar un proxecto de investigación co-dirixido por persoal dos departamentos universitarios e centros de investigación de prestixio. Outras das novidades neste ámbito é a creación de espazos maker en 10 centros educativos, que levarán consigo dotación de equipamento específico e unha achega económica.
Co fin de favorecer a autonomía dos centros galegos, a Consellería continuará ampliando o paquete de materias de libre configuración autonómica. En concreto, o vindeiro curso poñerase a disposición dos centros a materia Coeducación para o século XXI para alumnado de 1º de Bacharelato, presentada este mesmo luns. Ten como obxectivo impulsar un cambio de valores, actitudes, roles e estereotipos que sustentan a desigualdade de xénero a través dun modelo educativo que promova a equidade entre mulleres e homes en todas as súas dimensións.
A outra materia novidosa para o vindeiro curso será Sociedade inclusiva, prevista para 1º ou 2º de ESO. O obxectivo da mesma é a concienciación e a educación social para lograr unha sociedade plenamente inclusiva que cumpra cos principios recollidos na Declaración dos dereitos humanos e das persoas con discapacidade.
Máis de 1.200 ciclos formativos
Outra das novidades do curso 2018/19 vén dada pola Formación Profesional, posto que se incrementará un 1,4% a oferta ata chegar aos 1.261 ciclos formativos. Este crecemento busca responder ás demandas dos sectores estratéxicos para a economía galega, como é a madeira e o moble (un 9,68% máis de oferta), a automoción (un 5,56% máis) ou a hostalaría e turismo (5,6% máis).
A importancia deste aumento da oferta é maior tendo en conta que se produce principalmente, tal e como salientou o conselleiro, na FP Dual. En concreto, nesta modalidade formativa ofértanse por primeira vez catro ciclos no sector da madeira e moble, en colaboración con empresas líderes no sector, e dous ciclos en Marítimo-pesqueira. Tamén se producen outros aumentos significativos, como é o caso da fabricación mecánica (un 600% máis de proxectos) e en informática e comunicacións (un 200% máis), entre outros.
Segundo destacou o conselleiro, “falar hoxe de FP galega significa falar dunha ensinanza moderna, dinámica, innovadora, adaptada á realidade socio-económica e fonte de empregabilidade”. Neste sentido, e co obxectivo de seguir avanzando nunha vinculación directa entre formación e sectores produtivos, a Xunta, en conxunto coa Zona Franca de Vigo, presentou o futuro Campus FP de Vigo, o primeiro campus FP de España. Nestes momentos estase ultimando o convenio de colaboración coa Zona Franca.
Galicia: modelo de calidade e de equidade
Na parte de balance do curso actual, Román Rodríguez remarcou que Galicia foi quen de “consolidar un modelo educativo diferenciado”, definido pola calidade e pola blindaxe da equidade e da igualdade de oportunidades. Deste xeito, recordou o avance do ensino plurilingüe a todas as etapas, así como o incremento do libro dixital (máis de 11.600 alumnos e 154 centros); e a dotación de kits de Robótica, impresión 3D e Programación a centros de Secundaria e Primaria que xa chegaron a 22.000 alumnos.
Pero ademais, “un sistema educativo de calidade ten que ser inclusivo e equitativo”, explicou. En Galicia, 1 de cada 10 profesionais do ensino son especialistas na atención á diversidade, e o 91,9% do alumnado con necesidades educativas especiais está integrado nos centros ordinarios, o que favorece a igualdade de oportunidades na ensinanza. Neste reto, así como para reducir o abandono educativo temperán, xorden os contratos-programa, que este curso beneficiaron a preto de 140.000 alumnos de 473 centros.
Compromiso coa formación dos docentes
O conselleiro recoñeceu tamén o traballo dos docentes galegos, piar fundamental do sistema educativo. Neste contexto, lembrou que a Consellería leva tempo impulsando medidas para que o profesorado poida ter unha formación axeitada e actualizada co fin de responder ás necesidades, demandas e retos que ten ante si o alumnado galego.
A formación continua é unha das tres efes –xunto á formación inicial nas facultades de Ciencias da Educación e á formación para o acceso á docencia–, encamiñadas a incrementar o prestixio da función docente. Neste sentido, mencionou unha das peticións de Galicia realizada no marco do Pacto educativo, orientada a vincular o número de prazas de acceso ás facultades de Ciencias da Educación de todo o Estado coa capacidade de absorción do sistema educativo a nivel de emprego.
“Agardamos con interese coñecer as liñas de actuación que quere impulsar o novo Ministerio de Educación e FP, convencidos de que Galicia está no bo camiño e pode defender que o futuro da nosa sociedade se xoga na educación de hoxe”, concluíu.