Vegalsa-Eroski e Política Lingüística colaboran na incorporación da lingua galega ao ámbito socioeconómico
O responsable da secretaría xeral, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, asinan un acordo para a realización de actuacións de dinamización lingüística na actividade e funcionamento da empresa
No marco desta colaboración, Vegalsa-Eroski tamén contribuirá á conmemoración do Día das Letras Galegas 2011 con material divulgativo que estará dispoñible nos seus establecementos
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a empresa Vegalsa-Eroski anunciaron esta mañá a vontade das dúas entidades de colaborar na incorporación do uso do galego ao ámbito socioeconómico. Esta iniciativa traduciuse no protocolo de colaboración que asinaron esta mañá, en Santiago de Compostela, o responsable do departamento da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e o dirextor xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, a través do cal a empresa promoverá o uso da lingua galega tanto no desenvolvemento da súa actividade como nas relacións comerciais e empresariais que estableza dentro da comunidade autónoma galega.
No marco deste protocolo, Vegalsa-Eroski tamén levará a cabo unha campaña de difusión para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Lois Pereiro. Para isto, a compañía elaborará diverso material sobre o autor monfortino que estará dispoñible en todos os establecementos e dependencias que conforman a rede comercial da empresa.
Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofreceralle a Vegalsa-Eroski asesoramento técnico (en aspectos lingüísticos e terminolóxicos) e apoio institucional en todas aquelas actividades que se deriven deste protocolo de colaboración.
O galego como parte da responsabilidade social empresarial
A colaboración coa empresa Vegalsa-Eroski enmárcase no plan de actuación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a iniciar no espazo das empresas para favorecer a progresiva incorporación do idioma á súa actividade. Ao fío disto, o secretario xeral referiuse “á necesidade de que as empresas se comprometan coa realidade plurilingüe da sociedade na que desenvolven a súa actividade”. “Ese compromiso –dixo– debe plasmarse, entre outras iniciativas posibles, na asunción dunha certa responsabilidade lingüística que forme parte do ideario da responsabilidade social empresarial e corporativa, porque as linguas teñen un valor económico innegable”. Ademais, o responsable de Política Lingüística afirmou que, no contexto de Galicia, falar de plurilingüismo nas empresas significa sempre referirse á presenza da lingua galega, “porque a introdución do galego no ámbito empresarial é o mellor sinal de plurilingüismo”.
“Neste contexto é un deber das administracións públicas apoiar ese compromiso e promover plans de actuación por parte das empresas que permitan, por unha banda, favorecer a progresiva incorporación do galego e, por outra, para ver recoñecido ese plurilingüismo no seu funcionamento empresarial”, asegurou o secretario xeral.
Finalmente, Anxo Lorenzo referiuse ao labor pioneiro que vén desenvolvendo Eroski desde hai moito tempo a prol da introdución das diferentes linguas do Estado español na súa actividade. Este compromiso foille recoñecido en 2010 co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español, un galardón co que a Xunta de Galicia, a Generalitat de Cataluña, o Goberno do País Vasco e o Goberno das Illas Baleares recoñeceron o valor da política lingüística implantada e levada a cabo por Eroski na súa actividade comercial e empresarial.
Declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo