Educación pon a disposición do alumnado un simulador para calcular a nota de admisión ás universidades
Nesta ferramenta hai que introducir a nota obtida nas distintas partes da ABAU e a nota media de bacharelato
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer a disposición do alumnado galego que comeza hoxe a proba da ABAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade) un simulador para calcular a nota de admisión nas distintas titulacións das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
Esta ferramenta é moi sinxela de empregar. O alumno ou alumna debe introducir a nota que obteña nas distintas partes da proba da ABAU (a nota das materias da parte obrigatoria e as notas das distintas materias da parte voluntaria obxecto de ponderación) e a nota media de bacharelato.
De xeito automático, o simulador calculará a nota final de admisión a cada unha das titulacións do SUG. Ademais, pódense seleccionar os cinco graos de máis interese para o alumno ou alumna.
Cómpre diferenciar a nota de admisión –isto é, a cualificación final obtida tras a suma da nota de bacharelato e da ABAU e as pertinentes ponderacións en función da titulación escollida– coa nota de corte, posto que esta é a nota de acceso á universidade do último estudante que logrou a admisión nunha titulación con límite de prazas.
Este simulador xa está dispoñible na páxina web da Consellería, no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25262 .