A Consellería de Educación apoia á VI Xornada de Orientación Profesional organizadas polo IES Pintor Colmeiro, de Silleda

No encontro participan tamén os IES Ramón Mª Aller Ulloa e Pintor Laxeiro de Lalín, Marco de Camballón de Vila de Cruces e Pintor Colmeiro de Silleda

Mar, 03/05/2011 - 11:42

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsa de novo a orientación como elemento indispensable para o éxito escolar a través do seu apoio á VI Xornada de orientación Profesional organizadas polo IES Pintor Colmeiro, de Silleda, en coordinación con todos os centros de Educación Secundaria da Comarca do Deza que teñen oferta educativa de Formación Profesional, en concreto o Ramón Mª Aller Ulloa e Pintor Laxeiro de Lalín, Marco de Camballón de Vila de Cruces e Pintor Colmeiro de Silleda. O director xeral de Educación, Formación profesional e innovación Educativa, Jose Luis Mira, asistiu á inauguración deste encontro, que conta ademais coa colaboración dos Concellos de Silleda, Vila de Cruces e Lalín.

Nesta xornada, desenvolvida polos responsables dos diferentes Ciclos Formativos de cada IES, participa o alumnado de 4º da ESO dos devanditos centros, así como estudantes do CPI de Rodeiro. Este ano a organización das xornadas corre a cargo do IES Colmeiro de Silleda. Ao longo da mañá haberá distintas presentacións sobre a oferta de ciclos de Formación Profesional por parte das súas alumnas e alumnos, que explicarán como se desenvolven estes estudos e os distintos traballos que se poden desempeñar despois de cursalos.

O obxectivo desta actividade é dar información ao alumnado sobre a oferta de Ciclos Formativos de grao medio, e orientar ao alumnado cara ás saídas profesionais que derivarían destes estudos.