Valentín García participa nun xantar-coloquio con xornalistas galegos en Madrid
O secretario xeral de Política Lingüística destacou a vitalidade da lingua galega e presentou as liñas de traballo fundamentais do seu departamento
Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, compartiu este mediodía en Madrid un xantar-coloquio con membros da Asociación de Xornalistas Galegos na capital de España durante o que deu conta da situación actual da lingua galega e presentou as liñas de traballo que desenvolve a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que el dirixe. No encontro tamén participou o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.
O secretario xeral, a petición deste dinámico colectivo galego que opera en Madrid, achegou datos cos que mostrou a “vitalidade incuestionable da lingua galega, que pode ser utilizada por 9 de cada 10 galegos e que, de feito, é o idioma habitual de 1.300.000 falantes”. “E iso”, quixo aclarar, “se contamos como galegofalantes aos que usan só ou máis frecuentemente o galego, porque se incorporásemos tamén, como fan noutros lugares, os bilingües que empregan máis o castelán, teriamos que dicir que o 70% da poboación de Galicia, case dous millóns de persoas, usa esta lingua nalgunha medida na súa vida diaria”.
Con estes datos na man -extraídos de enquisas do Instituto Nacional de Estadística e do Instituto Galego de Estatística, así como de informes da Real Academia Galega- García Gómez concluíu que en moitos aspectos a situación da lingua galega é a mellor de todas as linguas cooficiais de España. “Temos unha sociedade que domina e emprega perfectamente os dous idiomas que ten á súa disposición e que son oficiais en Galicia”, concluíu.
Plans de dinamización en ámbitos estratéxicos
O secretario xeral recoñeceu tamén algúns problemas, entre os que destacou os relacionados co uso entre a xente nova e a ruptura da transmisión familiar da lingua, e explicou que a Secretaría Xeral de Política Lingüística está abordándoos a través de dous plans dirixidos a ámbitos estratéxicos: o da mocidade e o empresarial.
“Desde 2016 e ata 2020 estamos desenvolvendo un Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico que axude a incrementar a percepción de utilidade do idioma propio de Galicia entre o empresariado e, como consecuencia, a incrementar o seu valor no mercado laboral”, explicou.
García Gómez indicou tamén que, ao mesmo tempo, xa se está traballando nun Plan de dinamización da lingua galega na mocidade. “Neste momento estamos recibindo as achegas de persoas e colectivos implicados, porque entendemos que este ten que ser un proceso participativo e aberto, de xeito que elaboremos un documento útil e asumible, que responda á realidade do sector ao que se dirixe, e mais de maneira que a propia elaboración do plan sexa xa parte da dinamización, ao promover a reflexión e o diálogo”.
Formación, lusofonía e proxección exterior
Ademais de nos dous ámbitos estratéxicos sinalados, a Secretaría Xeral de Política Lingüística continúa coa súa aposta pola formación de adultos. Valentín García destacou neste ámbito o novo curso en liña para a obtención do Celga 4, que se suma ao xa existente para o Celga 1, “nun esforzo por responder ás demandas da cidadanía e contribuír á cohesión territorial e social, ao facilitar a formación en lingua galega a xente en calquera punto de Galicia e mesmo do exterior”.
O secretario xeral repasou tamén a acción do seu departamento en relación á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Paz-Andrade. Chamou a atención sobre a incorporación e crecente aceptación do portugués na ESO e no bacharelato, así como nas escolas oficiais de idiomas, ata chegar aos máis de 3700 alumnos e alumnas actuais, moitos dos cales se benefician de auxiliares de conversa e das 7 seccións bilingües actualmente existentes. Así mesmo, resaltou a colaboración co Instituto Camões, que posibilita a aplicación dun programa conxunto de Lingua e Cultura Portuguesa en 9 centro educativos.
Por último, o secretario xeral referiuse á proxección exterior e ao ensino do galego fóra da Comunidade Autónoma, destacando os 37 centros de universidades europeas e americanas, 29 deles con lectorado, que integran a Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta e que contan con case 2000 alumnos de lingua e cultura galegas; a colaboración co Instituto Cervantes para difundir o galego en Toquio, Pequín, Berlín, Nova York ou París; os cursos de verán para estranxeiros que se celebran en colaboración coas universidades de Santiago e A Coruña; os 18 centros educativos participantes no Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria; o éxito do proxecto “Galego en Londres” xurdido a partir do ensino do galego no IE Vicente Cañada Blanch da capital británica ou os 550 alumnos e alumnas que estudan a lingua propia de Galicia no colexio Castelao de Caracas e no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires.