Román Rodríguez comproba o resultado das obras de eficiencia enerxética do CEIP Francisco Vales Villamarín
O conselleiro explica que se investiron preto de 430.000 euros nesta reforma, rematada a principios de ano, que permitiron illar a fachada, substituír as ventás e cambiar as luminarias por equipos de alta eficiencia
Desde 2016, a Consellería actuou en 29 centros galegos para mellorar a súa confortabilidade de xeito integral, cun orzamento próximo aos 14 millóns de euros
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou esta mañá o resultado das obras de eficiencia enerxética e funcional realizadas no CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, onde a Consellería investiu preto de 430.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Feder.
Os traballos, que comezaron en setembro de 2017 e finalizaron a principios deste ano, permitiron mellorar a eficiencia do edificio. Tamén se aproveitou para repintar o interior do mesmo segundo o estudo cromático elaborado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), ademais de colocar un elemento de identidade corporativa.
Cómpre destacar que, aínda que o estado xeral do colexio era bo, ao tratarse dunha construción do ano 1972 precisaba dunha mellora xeral na envolvente exterior co fin de diminuír as perdas térmicas e mellorar a súa eficiencia. En concreto, illouse a fachada polo exterior mediante un sistema de envolvente continua; substituíronse as ventás por outras de aluminio de primeira calidade, con rotura de ponte térmica e acristalamento dobre con cámara de aire; e tamén se cambiaron as actuais luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética LED.
Previamente ás obras, o edificio tiña unha cualificación enerxética G en consumo de enerxía primaria non renovable e F en emisións de dióxido de carbono. Trala intervención realizada, o edificio pasou a obter unhas cualificacións de E e D, respectivamente.
14 millóns de euros en 29 centros
A obra no CEIP Francisco Vales Villamarín é unha das 29 actuacións de mellora da eficiencia enerxética realizadas nos últimos tres anos en colexios de toda Galicia, unha estratexia na que se levan investido preto de 14 millóns de euros. Precisamente, neste 2018 estanse executando 9 obras, cuxo investimento global ascende a 4,8 millóns, cofinanciados por fondos Feder.
Neste sentido, o conselleiro puxo en valor a aposta do seu departamento polo medio ambiente, que se basea no deseño dunha serie de actuacións concretas para a mellora enerxética e funcional daqueles centros educativos máis antigos cuxas infraestruturas non se adecúan aos parámetros actuais. Por tal motivo, é necesario acometer obras (principalmente illamento de fachadas e cubertas, e substitución de ventás e luminarias) co fin de acadar un maior aforro enerxético, cun menor custo derivado do consumo de luz e calefacción; ao tempo que se mellora a confortabilidade dos usuarios dos propios centros.
Así mesmo, no deseño destes proxectos participan arquitectos novos, nunha iniciativa que xera oportunidades de emprego para a xente moza, ao tempo que se conciencia aos rapaces na importancia do coidado do medio ambiente.
Todas estas obras de rehabilitación integral enerxética e funcional dos centros escolares forman parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, que conta cun cun orzamento de 118,5 millóns de euros para este período.