O conselleiro de Educación destaca o papel clave do profesorado na innovación educativa no marco das xornadas ‘Novas competencias para a nova sociedade’

O encontro pretende a reflexión sobre os cambios no labor docente derivados da dinámica da sociedade actual

Ven, 29/04/2011 - 18:02
Na imaxe, o conselleiro de Educación, o Director Xeral e Subdirector Xeral, Beat
Na imaxe, o conselleiro de Educación, o Director Xeral e Subdirector Xeral, Beatriz Alonso Pérez-Ávila, Asesora de innovación educativa e Miguel Pena Rojas, director do centro.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde as Xornadas de innovación educativa, novas competencias para a nova sociedade, que se celebran hoxe e mañá no IES Cruceiro Baleares, de Culleredo (A Coruña).

Neste acto, no que estivo acompañado polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, e polo subdirector xeral Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila, o conselleiro explicou que “a innovación procura a excelencia educativa, o seu obxectivo último, o horizonte cara o que vai esta Consellería”, unha procura na que “hai unha clave, o profesorado”. Deste xeito Vázquez Abad fixo fincapé no esforzo realizado polo profesorado “para que o papel da innovación na educación en Galicia sexa relevante”, no marco da “revolución creativa, cognitiva e social que o voso alumnado ve como algo natural e innato, pero que vós tedes que aprender e asumir para saber guialos por ese camiño, cheo de retos, pero tamén de perigos”. Ademais destacou a importancia nesta tarefa das familias, xa que “a colaboración entre os centros e as familias, nunca bastante reclamada nin valorada, resulta imprescindible para marcar o rumbo”.

Relatores de prestixio

Estas xornadas, nas que participan en torno a 600 profesores están encamiñadas a reflexionar sobre o papel da innovación na educación en Galicia, un tema que será abordado desde diferentes puntos de vista. Para iso cóntase con algúns dos relatores de máis prestixio tanto da nosa comunidade autónoma de Galicia como de outras comunidades autónomas, como Dolors Reig, Mar Romera, Lourdes Montero, Ana Torres Jack, José Ángel Suárez Alonso, Mónica Ramos Pérez e Luis Miguel Villaverde, entre outros.

Xunto coas reflexións máis teóricas, neste encontro ofrecerase unha mostra dalgunhas das mellores experiencias que se están a desenvolver na nosa comunidade. Nestas xornadas presentarase ademais o novo portal de innovación educativa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Ademais os participantes poderán coñecer de primeira man varias experiencias punteiras de innovación en formación profesional, en proxectos artísticos, en programas de mobilidade, ou na educación en valores que se están a desenvolver na nosa comunidade.O profesorado participante recibirá, ao finalizar a actividade, unha certificación de formación do profesorado.

Compromiso

Coa organización deste encontro a Consellería de Educación, comprometida coa formación continua, ofrece ás profesoras e profesores apoio para a reflexión sobre a revolución creativa, cognitiva e social que está a tocar aos distintos sectores da sociedade actual, e sobre os cambios que isto supón no desenvolvemento do labor docente.

Neste sentido Vázquez Abad lembrou que a Consellería de Educación deixa patentes estas preocupacións nos plans e programas que se están a desenvolver xa neste curso 2010-2011, “como os galardóns para o profesorado como os premios á innovación educativa, ou os premios ao desenvolvemento de contidos educativos dixitais”, entre outros.