O conselleiro de Educación asiste, na Coruña, á entrega dos V Premios á excelencia musical “Mans futuro 2010”
No acto, organizado pola Fundación Paideia, estivo presente a súa presidenta, Rosalía Mera, e foron premiados cinco músicos
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á entrega dos premios á excelencia musical “Mans Futuro 2010”, que este ano chegou a quinta edición. O acto, promovido pola Consellería e a Fundación Paideia, a través do estudo de gravación Mans, celebrouse na sede da mesma na Coruña. Entre os asistentes destacou a presenza da presidenta da Fundación, Rosalía Mera, e a do director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal.
Na súa intervención o conselleiro destacou que “amúsica, en tanto que creación do espírito humano, é unha arte, un elemento activo da cultura. A súa linguaxe permite comunicar, transformar ideas e opinións, compartir sensacións, crear e modificar costumes”. Asemade recordou a importancia desta iniciativa que “ten como obxectivo o recoñecemento ao esforzo dos estudantes dos conservatorios superiores de música de Galicia, servindo, asemade, como guía para a xuventude galega, que percibe que o esforzo e a excelencia teñen a súa recompensa”.
A cerimonia foi inaugurada polo director de Proxecto da Fundación Paideia, Guillermo Vergara. Nesta edición os galardoados foron, co primeiro premio Víctor Vilariño Salgado, alumno de trompeta; co segundo premio, Marta López Fernández, de piano; e co terceiro, Saúl Chapel Díaz, estudante de piano. Ademais, recibiron mencións de honra Jorge García Rojo e Pablo Sergio Rodríguez Montero, alumnos de saxofón e guitarra, respectivamente.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa así a fomentar a excelencia dos estudantes dos conservatorios superiores de música de Galicia, con iniciativas que recoñecen o seu esforzo e traballo diario. Como premio, os galardoados gravaron un CD, que foi mesturado, editado e masterizado, no estudo MANS, dependente da Fundación Paideia.
Proxección do alumnado
Estes premios, promovidos a través de MANS estudio de gravación, serven como proxección para os mozos e mozas galegos, recollendo o seu traballo coa gravación e promoción dun CD.
Para acceder a estes galardóns os alumnos e alumnas debía ter acadado a cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra no concerto fin de carreira das ensinanzas superiores da música no ano académico 2009-2010, en calquera dos dous conservatorios superiores de música de Galicia. Ademais, os aspirantes deberon superar unha proba de selección, que consistiu na execución dun Programa Libre de Concerto, cunha duración máxima de 30 minutos.