A alcaldesa de París gaña o I Premio Lorca, Guerra da Cal e Blanco Amor
O galardón, outorgado polo Casino de Santiago e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, recorda o encontro en Compostela dos escritores que lle dan nome e busca fomentar o diálogo, o encontro e a fraternidade interculturais
O secretario xeral de Política Lingüística formou parte do xurado do premio, que deu a coñecer esta mañá a súa resolución na sede do casino
A alcaldesa de París, Anne Hidalgo, impúxose aos outros dous finalistas do I Premio Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor -os alcaldes de Los Ángeles, Eric Garcetti, e de Palermo, Leoluca Orlando-, convocado polo Casino de Santiago en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así o comunicou hoxe o xurado en rolda de prensa celebrada no casino compostelán, tras destacar o bo facer dos tres rexedores en favor dos sectores máis desfavorecidos da sociedade.
Valentín García Gómez, que formou parte do devandito xurado, fixo fincapé no valor do Premio Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor “para promover a figura de tres escritores que confluíron en Santiago e proclamaron a internacionalidade da cidade, ademais de darlle visibilidade á nosa cultura e á nosa lingua fóra das nosas fronteiras”. Neste sentido o secretario xeral de Política Lingüística lembrou “o valor que todos tres lle outorgaron ao idioma de Galicia, que ten como proba máis contundente e coñecida os Seis poemas galegos de Lorca, un autor que se sentiu impresionado pola forza expresiva da lingua de Rosalía”. “Tamén hoxe”, engadiu García Gómez, “proclamamos o valor do galego como instrumento válido para dialogar co mundo enteiro e como un gran atractivo á hora de proxectar Galicia”.
Con Valentín García estiveron hoxe no Casino de Santiago os restantes membros do xurado: Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Carlos Pajares, profesor e exrector da Universidade de Santiago; Pilar Bermejo, decana da Facultade de Química; Antón Figueroa, escritor; os profesores do IES Rosalía de Castro Rosa Lopez-Gato, Miguel Ríos Torre, Maribel Martín e Ubaldo Rueda e mais os alumnos de institutos composteláns Ana Raposo, Antón Lorenzo, Sara Prieto e Diego Barreiro.
Anne Hidalgo
Anne Hidalgo (San Fernando, Cádiz, 1959) é a actual alcaldesa da capital de Francia, país ao que se trasladou con seus pais desde España cando contaba dous anos. Doutorada en Dereito e Traballo Social e mais funcionaria, en 2014 converteuse na primeira alcaldesa da historia de París.
O xurado do Premio Lorca, Guerra da Cal e Blanco Amor “reparou especialmente”, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, “no traballo que leva feito desde o seu posto de rexedora de París polos refuxiados e, en xeral, pola acollida ás persoas chegadas doutros países, un empeño no que probablemente a súa experiencia vital lle fixo comprender a realidade das familias que teñen que abandonar a súa terra”. De feito, Valentín García mostrouse especialmente satisfeito de que resultase galardoada, “por unha banda, a alcaldesa dunha localidade que tantos galegos acolleu e aínda hoxe acolle; por outra, unha grande defensora das vantaxes do plurilingüismo que, por razóns da súa propia traxectoria de filla de emigrantes, ela mesma practica”.
86º aniversario da conferencia de Lorca en Santiago
A resolución do Premio Lorca, Guerra da Cal e Blanco Amor deuse a coñecer hoxe por ser o 86º aniversario da conferencia que Federico García Lorca impartiu en Santiago, no edificio que actualmente ocupa o IES Rosalía de Castro. Aquel relatorio puxo o poeta andaluz en contacto cos intelectuais galegos e foi o xerme dos Seis poemas galegos publicados pola editorial Nós en 1935.
O obxectivo do premio é lembrar o ambiente de fraternidade e cultura que atopou Lorca na súa estadía en Santiago hai 86 anos e recoñecer o traballo actual a prol do mesmo espírito de diálogo, concordia e fraternidade que se vivía nese momento.
O galardón consiste nunha obra de Ramón Conde, unha alegoría da viaxe, da emigración e, asemade, da cultura e da elegancia.