A V Carreira Camiño das Letras unirá o Pico Sacro coa Cidade da Cultura o 17 de maio
Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística e mais o delegado territorial da Coruña participaron hoxe na presentación da nova edición desta carreira que convida a celebrar as Letras Galegas desde o deporte poñendo en valor o Camiño de Santiago
As inscricións están abertas ata o 14 de maio no web www.carreirasgalegas.com
A V Carreira Camiño das Letras volverá unir o famoso Pico Sacro coa Cidade da Cultura de Galicia o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado a María Victoria Moreno. A nova edición da Carreira Camiño das Letras abrirase cunha proba absoluta desde o Pico Sacro, seguindo a Ruta da Prata, ata a Cidade da Cultura e cun circuíto para as categorías de menores nos exteriores do Gaiás. A iniciativa, promovida por Xurdir, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, quere convidar a toda a cidadanía a celebrar as Letras Galegas desde o ámbito deportivo poñendo en valor o Camiño de Santiago.
O secretario xeral de Cultura incidiu na satisfacción do Goberno galego por poder colaborar coas principais iniciativas que se desenvolven arredor do 17 de maio e, concretamente, de apoiar, un ano máis, a Carreira Camiño das Letras, que une deporte, patrimonio cultural e língua co obxectivo común de fomentar a práctica deportiva ao aire libre pola ruta xacobea e con María Victoria Moreno como referente.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou “a importancia de celebrar o 17 de maio e de poñer en valor a lingua galega desde diferentes ámbitos para reforzar a transversalidade do idioma e a súa presenza en todo tipo de iniciativas”, ademais de recordar “que o ámbito do deporte é un dos prioritarios no novo Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que está a preparar a Xunta, polo que animamos a todos os mozos e mozas a participar neste Día das Letras Galegas”.
Participaron na presentación da nova cita, canda os secretarios xerais, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro; a responsable de Xurdir, Carmen Vázquez; o alcalde de Boqueixón, Manuel F. Munín; a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira; a deportista Esther Pedrosa; o actor e presentador Roberto Vilar, padriño da carreira; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e a concelleira de Mocidade, Deportes e Benestar Animal do Concello de Santiago de Compostela, Noa Morales.
Participación aberta en www.carreirasgalegas.com
As inscricións están xa abertas ata o 14 de maio no web www.carreirasgalegas.com. Todas as persoas participantes que finalicen a proba de adultos e de menores recibirán como agasallo un libro e mais o diploma Camiño das Letras. A rapazada recibirá tamén unha medalla conmemorativa da carreira.
A entrega de premios aos gañadores realizarase ao remate das probas. Recibirán como premio: os 3 primeiros clasificados (en mulleres e homes) da proba absoluta, un trofeo deseñado especialmente para a proba e un lote de libros; os tres primeiros clasificados das categorías de pitufo a máster recibirán un lote de libros; e o centro escolar e o club que máis alumnado achegue á proba recibirá un trofeo e un lote de libros.
Programación especial arredor de María Victoria Moreno
Durante este ano, no que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio a María Victoria Moreno, as Letras Galegas e as iniciativas de difusión da vida e da obra da autora teñen un destacado protagonismo na axenda cultural de Galicia.
Para apoiar o coñecemento e valoración social dunha das autoras de referencia da narrativa infantil e xuvenil, a Xunta de Galicia deseñou un amplo programa de actuacións, en colaboración coa súa familia e coas principais institucións culturais de Galicia, entre as que destaca a exposición itinerante María Victoria Moreno.Paisaxes e personaxes’, que fai parada na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal ata o vindeiro 9 de maio.
Esta e as demais actividades promovidas pola Consellería para celebrar as Letras Galegas poden consultarse na Axenda de Cultura, en www.cultura.gal e en www.lingua.gal.