Valentín García participa en Vigo na inauguración da exposición O Día das Letras Galegas. 55 anos de historia
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía en Vigo na inauguración da exposición O Día das Letras Galegas. 55 anos de historia. Unha ollada desde a Casa Galega da Cultura, que promove a Fundación Penzol. García Gómez felicitou á fundación viguesa pola iniciativa e destacou na súa intervención "a importante oportunidade que brinda este proxecto de achegármonos de primeira man a materiais, pezas e publicacións relacionadas moi valiosas, pertencentes aos propios fondos da entidade promotora, así como de revisar os carteis conmemorativos da historia das Letras e das figuras homenaxeadas co gallo da efeméride".
A exposición pode visitarse, de balde, desde hoxe ao 3 de xuño na Casa Galega da Cultura en horario de 18:00-21:00 horas, de luns a sábados, e de 12:00-14:00 horas, en fins de semana e festivos.