Educación continúa a impulsar a familia profesional de madeira e moble en colaboración coa Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada

O Consello da Xunta deu o visto e prace do convenio entre ambas as institucións para a formación práctica nestes estudos de FP

Deste xeito a Xunta de Galicia achega aos futuros titulados á realidade do sector madeireiro galego

Xov, 28/04/2011 - 17:36

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continuará a impulsar a formación práctica nos centros de traballo vinculada aos ciclos formativos da familia da madeira e moble. Para iso, o Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura da addenda entre a Consellería e a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, para levar a cabo nas súas instalacións, de forma compartida co IES Antón Losada Diéguez, as ensinanzas do ciclo formativo de grao medio fabricación a medida e instalación de carpintaría e moble durante o curso 2011-2012.

Con esta renovación, Educación ofrece o seu compromiso coas actividades de formación profesional, aumentando as oportunidades dos estudantes galegos para a inserción no mundo laboral.

No que se refire ao ciclo de Fabricación a sinatura do convenio permitirá que os novos profesionais continúen formándose en todos os ámbitos da actividade sexan principalmente nas áreas de desenvolvemento de produtos, prototipos, instalacións ata controis de calidade; ou nas de xestións comerciais.

Formación para alumnos, profesores e traballadores

Ao abeiro do convenio, establécese entre as partes a colaboración para desenvolver un programa de formación en centros de traballo, para alumnas e alumnos que cursen o devandito ciclo, así como a realización de accións de orientación profesional dirixidas a este alumnado. O convenio posibilita tamén a colaboración de expertos da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada na impartición das ensinanzas destes ciclos.

Por outra banda, o convenio recolle a orientación e actualización dos coñecementos do profesorado destes ciclos dependente da Consellería nas instalacións das entidades que conforman a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada; así como a formación e actualización dos traballadores das devanditas entidades.

Así mesmo, e por proposta dalgunha das partes implicadas, poderanse organizar cursos, seminarios, ou estudos sobre temas referentes ás novas tecnoloxías de común interese para as institucións asinantes. Nese suposto, a Fundación colaborará mediante o apoio técnico e loxístico, tanto no programa de formación do profesorado como nas estadías deste en empresas por tempo definido.

Para o cumprimento deste convenio e as súas correspondentes addendas, a Fundación porá á disposición de alumnado e profesorado as instalacións ou talleres especiais dos que non dispón o IES Antón Losada Diéguez para a impartición das ensinanzas de FP.

Con esta iniciativa, a Consellería de Educación demostra o seu esforzo por proporcionar a mellor formación práctica aos estudantes de formación profesional, achegándoos ao mesmo tempo á realidade do mundo laboral. Por outra banda, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada preséntase como o marco idóneo no cal desenvolver as ensinanzas da familia profesional de madeira e moble', polo que supón no sentido de adecuación destas ás necesidades do sector madeireiro.