A Consellería de Educación moderniza o regulamento da educación básica para adultos
Deste xeito adáptase a estrutura e currículo ao establecido na LOMCE
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180412/AnuncioG0164-220318-0004_gl.html ) a orde pola que se regula a educación básica para as persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia moderniza estas ensinanzas e adapta a súa estrutura e currículo ao establecido na Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE) e ao Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
A orde divide as ensinanzas para adultos en básicas iniciais e secundaria obrigatoria. Entre as principais novidades que incorpora cómpre salientar a incorporación ao expediente do alumnado da nota media final de etapa ao finalizar a ensinanza secundaria obrigatoria e as respectivas validacións de estudos procedentes da ESO ordinaria e da Proba Libre para a obtención do título de educación secundaria obrigatoria para persoas maiores de 18 anos. Así mesmo, o novo currículo é máis flexible que o existente ata o momento, adaptándose ás características das persoas que cursan estas ensinanzas.
Ensinanzas básicas iniciais
No referido ás ensinanzas básicas iniciais, centradas no logro das competencias en cálculo matemático e lectoescritura para persoas maiores de 18 anos (alfabetización de persoas adultas), establécense dous niveis (I e II). Neles impártense, respectivamente, tres (nivel I) e catro (nivel II) ámbitos de coñecemento (ámbito da comunicación, ámbito matemático, ámbito da ciencia e da tecnoloxía e o ámbito de desenvolvemento e iniciativa persoal).
As ensinanzas básicas iniciais impartiranse ao longo de 12 sesións semanais no Nivel I e 16 sesións semanais no nivel II. O máis habitual é que os centros de ensino as impartan no réxime presencial, con excepción dalgún que o fai en réxime semipresencial.
Secundaria para adultos
No caso da ensinanza secundaria obrigatoria para adultos, destinada a obtención do título de educación secundaria e preparatoria de acceso a ciclos de grao medio e ao bacharelato, organízase por niveis (I e II), divididos en dous anos. No primeiro deles impartiranse dous módulos cuadrimestrais correspondentes aos dous primeiros cursos da ESO, e no segundo outros dous módulos cuadrimestrais que se corresponden co 3º e 4º curso da etapa.
Cada un dos módulos está integrado por tres ámbitos de coñecemento (Comunicación, Científico-matemático e Social) e cada ámbito agrupa distintas materias do currículo. Deste xeito, o ámbito de Comunicación inclúe as materias de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira; o Científico-tecnolóxico reúne contidos de Matemáticas, Física e Química, Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía e de Tecnoloxía; e o ámbito Social inclúe as materias Ciencias Sociais e Xeografía e Historia.
As ensinanzas de secundaria obrigatoria terán unha carga horaria de 20 sesións semanais, no réxime presencial e 5 sesións semanais no réxime semipresencial. O réxime a distancia telemática impártese nun único centro en toda Galicia: o IES San Clemente de Santiago de Compostela, que pon a disposición do alumnado unha plataforma telemática propia.