O ámbito económico será en 2010 un dos sectores prioritarios da Política Lingüística na súa actividade de fomento do galego
Anxo Lorenzo declarou que a secretaría xeral está a desenvolver novas iniciativas dirixidas a este sector que se porán en marcha durante este ano e destacou o necesario carácter transversal dunha polí...
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu na "necesidade de impulsar medidas de fomento do uso do galego no ámbito económico, por tratarse dun sector estratéxico prioritario para a cidadanía galega". Neste sentido, o responsable de Política Lingüística asegurou que o seu departamento está a traballar en novas iniciativas dirixidas a este ámbito, no que a presenza da lingua galega se atopa nunha situación de inferioridade.
En campos específicos coma o da banca, por exemplo, o galego rexistra un baixo índice de presenza. Segundo os últimos datos do Observatorio da Lingua Galega, a banca presente en Galicia acada un índice de normalización lingüística (INL) do 33,74, para o que se teñen en conta factores como a imaxe e a rotulación das entidades, a adecuación lingüística do persoal, a existencia ou non de criterios nos usos lingüísticos, a comunicación exterior ou a comunicación interna. Concretamente, os datos que achega o Observatorio indican que a comunicación exterior das entidades financeiras se realiza na maioría dos casos en castelán, mentres que, no ámbito interno, o galego ten unha maior representatividade, principalmente nos usos orais entre o persoal.
Atención cidadá na banca tamén en lingua galega
A situación actual do galego no ámbito económico precisa, polo tanto, actuacións que supoñan un impulso eficaz da lingua propia de Galicia nun sector prioritario para a sociedade galega. No dito sector da banca, os clientes das entidades galegas e das que operen en Galicia terán a posibilidade de formalizar contratos e de recibir as comunicacións periódicas en lingua galega, segundo se establece na Lei 10/2009, do 30 de decembro, de caixas de aforro. O novo marco legal recolle, ademais, que as caixas de aforro, de acordo coa súa vocación social, favorecerán no seu ámbito a extensión progresiva do uso da lingua galega e promoverán a súa utilización, tanto nas súas comunicacións orais coma nas escritas.
A Xunta está a impulsar unha política lingüística de promoción do uso do galego que asenta os seus principios fundamentais no fomento transversal e integrador da lingua propia de Galicia. Por iso, xunto con sectores coma o económico, o Goberno está a favorecer a presenza do galego nos diversos ámbitos protagonistas da sociedade.