A Xunta presenta o novo curso en liña preparatorio do Celga 4
O conselleiro de Cultura e Educación presentou a nova plataforma de teleformación, que fai extensiva esta formación en lingua galega tanto á Galicia territorial como á exterior
Mar Pereira enmarcou esta iniciativa na política autonómica de impulsar a formación online no uso da tecnoloxía para universalizar o acceso a lingua e ao patrimonio cultural galego
Rodríguez Miranda salientou a importancia que esta medida ten para os galegos do exterior
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira Álvarez, presentaron esta mañá o novo curso en liña preparatorio para a obtención do certificado de lingua galega Celga 4, que este ano realizarán por primeira vez a través da rede un total de 420 persoas. O sistema de acreditación da lingua galega Celga incorpora así no seu nivel 4 a modalidade de teleformación. Cómpre lembrar que xa funciona a modalidade en liña para o Celga 1, que este ano cursarán 150 persoas, o mesmo número que o ano pasado. Xunto ao conselleiro e a directora da Amtega, participaron na rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o secretario xeral da Emigación, Antonio Rodríguez Miranda.
Román Rodríguez salientou o éxito desta iniciativa, que fai extensiva esta formación en lingua galega tanto á Galicia territorial como á exterior, ademais de universalizar a posibilidade de aprender a nosa lingua propia mediante esta vía. Polo tanto, os obxectivos desta medida son darlle resposta ás demandas da cidadanía e contribuír á cohesión territorial e social. Ademais, facilítase con el a conciliación dos estudos de lingua galega co emprego ou con cursar unha carreira universitaria, por exemplo.
O conselleiro explicou que, grazas a esta ferramenta, o número de persoas que se formarán para a obtención do Celga 4 elevouse a case 600, das que só 175 o farán de xeito presencial. “Está claro que a demanda era moi alta, porque se trata dun nivel que capacita para usar o galego con fluidez e espontaneidade en practicamente calquera contexto comunicativo, sexa persoal, público ou académico”, dixo.
Ademais, destacou o esforzo feito pola formación da poboación adulta en lingua galega, e que está a dar como froito uns datos cada vez mellores. Non en balde, os datos sobre competencias das enquisas sociolingüísticas revelan en Galicia os niveis de coñecemento da lingua cooficial máis elevados de todo o Estado, tanto en destrezas pasivas como en destrezas activas, e unha mellora remarcable no que se refire á competencia escrita. “Esta satisfacción cos resultados impúlsanos a seguir traballando”, dixo.
Mar Pereira destacou que a posta en marcha da Plataforma de teleformación da lingua galega enmárcase na política autonómica de impulsar a formación online, tanto para os empregados públicos como para a cidadanía en xeral. A directora da Amtega lembrou que a nova plataforma de teleformación súmase a outras iniciativas da Axenda Dixital de Galicia para a difusión da lingua xa en marcha como o portal da lingua lingua.gal, que ofrece diferentes recursos para aprender e traballar en galego; o tradutor GAIO; a colaboración na consecución do dominio .gal, presente agora nos portais e no correo corporativo: ou as actuacións vinculadas a recolección e xeoreferenciación da toponimia do patrimonio cultural galego para difundir e universalizar a nosa riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social.
Pola súa parte, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou a importancia que esta medida ten para os galegos do exterior, que “poderán acompañar os seus coñecementos da lingua galega cun título oficial que lles permitirá, ademais, competir en igualdade de condicións desde o punto de vista lingüístico co resto de galegos na súa integración na comunidade en caso de que decidan retornar a Galicia”. O galego ten, así mesmo, unha “importancia insubstituíble para os galegos do exterior, quen a consideran un dos seus principais vínculos coa súa terra de orixe e, en moitos casos, coa súa infancia e os seus recordos máis valiosos”, lembrou Miranda.
As persoas que acrediten o nivel Celga 4 deberán demostrar unha competencia fluída e espontánea en distintos contextos comunicativos (persoal, público e académico), sen amosar moita dificultade para encontrar as expresións máis axeitadas. Serán capaces de producir textos ben estruturados e sobre temas de certa complexidade e para distintos fins. Ademais, amosarán un uso correcto da norma ortográfica e morfosintáctica, así como dos mecanismos máis comúns de organización e cohesión textual.
Os Celga
Celga é o sistema de certificación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas e está configurado mediante cinco niveis de coñecemento do idioma, que recollen as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas.
Estes certificados permiten acreditar o coñecemento que unha persoa ten do galego para os efectos de xustificar méritos ou requisitos laborais e académicos, e obtéñense mediante un exame convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, aínda que tamén é posible obter a validación Celga dos estudos previos de galego.