A Consellería de Cultura e Educación prepara novos protocolos para mellorar a atención á diversidade do alumnado
O conselleiro reuniuse esta mañá con entidades representativas, ás que lles propuxo, ademais, a creación dunha materia de libre configuración autonómica baixo o nome de Sociedade inclusiva para 1º e 2º da ESO
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia con representantes de entidades que traballan na atención á diversidade, aos que lles anunciou que o seu departamento está a preparar novos protocolos para mellorar o servizo que se presta ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Neste sentido, explicou que o seu departamento está a revisar o protocolo que se ocupa do alumnado con síndrome de Down, e que se crearán grupos de traballo para a elaboración de un dedicado á discapacidade auditiva e outro ás altas capacidades.
O conselleiro sinalou que tamén se están elaborando dúas unidades didácticas, unha sobre diversidade e inclusión, en colaboración co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), e outra sobre a historia do pobo xitano en Galicia, en colaboración con Secretariado Xitano.
Escola inclusiva, dinámica e igualitaria
Así mesmo, Román Rodríguez explicou que xa están constituídos grupos de traballos, nos que se contará coa participación das devanditas entidades para mellorar as orientacións metodolóxicas para unha escola inclusiva, así como para que os patios sexan dinámicos, inclusivos e igualitarios. De feito, xa hai 13 proxectos de formación do profesorado en centros educativos que traballan sobre este último aspecto.
Entre outras novidades, abordouse tamén a posibilidade de que os centros soliciten as maletas de Inclusión educativa, unha iniciativa que a Consellería porá en marcha a través da Rede de Formación do Profesorado para que os interesados poidan solicitar estes paquetes de recursos bibliográficos especializados formados por libros de lectura para o alumnado e para os docentes. A súa finalidade é fornecer os centros dun recurso que poida contribuír a traballar sobre a inclusión, convivencia e igualdade.
Neste mesmo contexto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia propuxo ás entidades sacar adiante outras dúas iniciativas. Por unha banda, a creación dunha materia de libre configuración autonómica baixo o nome de Sociedade inclusiva para 1º e 2º da ESO. Nela trataríanse temas como o valor das diferencias, a sensibilización sobre as mesmas, a comunicación aumentativa e alternativa (sistemas pictográficos, lectura fácil...), a linguaxe de signos ou o Braille. Por outra banda, plantexouse a convocatoria dun premio dirixido a centros educativos para o recoñecemento das boas prácticas en materia de educación inclusiva.
Aposta pola formación do profesorado
Román Rodríguez comprometeuse coas entidades a seguir apostando pola formación permanente do profesorado para mellorar a inclusión e a atención á diversidade. Neste sentido explicou que xa son 135 os centros educativos que contan cun plan de formación permanente do profesorado na liña específica de Escola inclusiva e Atención á diversidade. Ademais, ofertáronse 81 cursos (un total de 1918 horas) de formación de docentes nos que participaron 1155 persoas, con temáticas relacionadas coa comunicación aumentativa, discapacidade visual e auditiva, trastorno do espectro autista ou linguaxe de signos, entre outras.
De feito, entre as novidades deste último curso está a inclusión no Plan Anual de Formación do Profesorado de cursos de Iniciación á linguaxe de signos para profesorado en xeral (30 horas) e de linguaxe de signos para profesorado especialistas de apoio a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (50 horas), ambos en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG). Así mesmo, todas actividades de formación de docentes en centros contan xa cun módulo específico Inclusión, convivencia e igualdade (ICI), de 20 horas sobre os contidos recollidos nos protocolos e documentación pertencentes á Estratexia galega de convivencia escolar. A través deste módulo, durante o último curso, un de cada tres profesores recibiu nocións de inclusión, convivencia e igualdade.
Por outra parte, e co obxectivo de ofrecer recursos tamén ás familias a través das escolas de nais e pais, no curso 2017/18 ofértase a actividade A educación a debate, con arredor de 220 prazas destinadas a profesorado, familias e entidades.
No relativo aos novos eventos para o curso 2017/18, está previsto organizar tres xornadas de educación inclusiva, unha dirixida a profesorado en xeral, outra a especialistas e unha terceira para xefaturas de departamentos de orientación.
Colaboración frutífera
Román Rodríguez fixo balance da colaboración coas entidades dedicadas á atención á diversidade, que cualificou como frutífera. Non en balde, neste curso 2017/18 son xa 932 centros educativos e máis de 1200 alumnos os que se benefician dos acordos asinados entre a Consellería e estas asociacións, tanto para a sensibilización como para a formación de docentes e familias e o asesoramento e orientación no tratamento do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.