Os premios Nós tamén creamos! recoñecen a creatividade audiovisual en galego do alumnado
Os centros premiados nesta VI edición do certame son os CEIP de Santo Paio de Abaixo de Redondela, Alfonso D. Rodríguez Castelao de Vigo e Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago
O concurso de curtas de animación en galego forma parte do programa de dinamización lingüística do mesmo nome que promove a Consellería en colaboración coa CRTVG e con OQOeditora
O Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, acolleu esta mañá a entrega dos VI Premios Nós tamén creamos! a curtas de animación en galego realizadas baixo a técnica stop-motion no marco do programa de dinamización lingüística homónimo promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galcia (CRTVG) e con OQOeditora.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, afirmou durante o acto que “levamos seis edicións destes premios e eu sígome sorprendendo da orixinalidade e da calidade das creacións feitas polo alumnado máis novo co apoio do seu profesorado”. “Detrás das vosas curtas”, dixo o secretario, “vese que hai moitas horas de traballo multidisciplinar arredor duns textos en lingua galega que sodes capaces de transformar en relato audiovisual, demostrándovos a vós mesmos, e demostrándonos a todos, que non hai medios, soportes nin temáticas que non poidan abordarse no idioma propio de Galicia”.
Pola súa banda, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, felicitou o profesorado e o alumnado premiados e animounos “a seguir aproveitando e amosando a gran creatividade que hai nos nosos centros” e “a continuar poñendo en marcha proxectos nos que, coma nestes, o ensino e a aprendizaxe van da man das tecnoloxías”.
Na entrega de premios participaron canda eles Montse Besada, responsable de Contidos da CRTVG, e Borja Guerrero, responsable da área audiovisual de OQOeditora. O acto foi presentado polo músico Paco Cerdeira, Pakolas, quen, ao finalizar, ofreceu un pequeno concerto para o alumnado e o profesorado premiado.
Curtas gañadoras
Na modalidade de educación infantil o premio recaeu no profesorado e no alumnado do CEIP de Santo Paio de Abaixo, de Redondela, polo traballo Que mal cheira!. Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o centro galardoado foi o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Vigo, polo filme O mundo nos ollos. O compostelán CEIP Mestre Rodríguez Xixirei fíxose co premio na categoría de 3º e 4º de primaria pola curtametraxe A guerra dos números.
Cada un dos centros premiados recibiu un lote de libros de OQOeditora e un exemplar asinado do libro-disco Pakolas, de Paco Cerdeira; unha televisión e un disco do Xabarín da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obtivo unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
As curtametraxes seleccionadas poden verse na sección infantil do web da Televisión de Galicia (www.crtvg.es), así como no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/nos-tamen-creamos).
Dinamización da lingua galega
O certame Nós tamén creamos! enmárcase nun programa de dinamización lingüística que leva o mesmo nome, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Con ela colaboran a CRTVG e OQOeditora para formar e asesorar a profesorado dos centros educativos participantes co fin de que estes realicen con alumnado de 3 a 9 anos curtas de animación en galego baseadas en contos fornecidos pola citada editorial.
Os obxectivos de Nós tamén creamos! son promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega mediante a súa ligazón con actividades relacionadas coa cultura actual (audiovisual, TIC...), favorecer a aprendizaxe e o uso da lingua propia de Galicia en novos ámbitos e formatos e mais dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lles ofrece aos cativos a sección infantil do web da TVG.
Paralelamente, Nós tamén creamos! fomenta a lectura en lingua galega, a creatividade e a formación estética, así como o coñecemento da linguaxe audiovisual e das ferramentas TIC. Todo isto convérteo nun programa moi completo, promotor do traballo por proxectos e da innovación educativa.