O CEIP San Luís Romero de Carballo e o IES Torrente Ballester de Pontevedra gañan o Concurso-Exposición das Letras
O centro carballés leva o galardón co traballo 'Victoria Moreno, mestra con calma' e o instituto pontevedrés imponse con 'Sombra e luz'
Política Lingüística implica a comunidade educativa na celebración do 17 de maio potenciando o coñecemento da autora homenaxeada nesa data, da situación sociolingüística do seu tempo e da época histórica que lle tocou vivir
O CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña) e mais o IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra fixéronse cos galardóns do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas modalidades de educación infantil e primaria, co traballo 'Victoria Moreno, mestra con alma' e de educación secundaria e ensinanzas especiais, co traballo 'Sombra e luz', respectivamente.
O Portal da Lingua Galega e mais o Portal Educativo da Xunta de Galicia publican hoxe a Resolución da convocatoria do concurso para a elaboración da exposición sobre a autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2018, Mª Victoria Moreno Márquez, que puxo en marcha hai uns meses a Consellería de Cultura e Educación por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os dous centros gañadores recibirán un premio en metálico por importe de 2000 euros cada un e o profesorado implicado no seu deseño e posta en marcha, unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas correspondentes guías didácticas, imprimiranse e distribuiranse en preto de 2000 puntos de Galicia e do exterior. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Mª Victoria Moreno, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.
Os dous proxectos didácticos estarán tamén nas vindeiras semanas a disposición do público no Portal da Lingua Galega, canda outros materiais especialmente elaborados para conmemorar as Letras Galegas.
Pictogramas, códigos QR e icona pop das Letras
Os carteis que integran a exposición gañadora na categoría de Infantil e Primaria -'Victoria Moreno, mestra con alma' do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña)- foron elaborados polo alumnado con diversos materiais e técnicas. O resultado, en opinión do xurado, é “unha serie de carteis dunha gran beleza e calidade plástica, moi orixinais e innovadores, ao incluír códigos QR que animan o alumnado e o profesorado a ampliar a información sobre a autora homenaxeada e pictogramas, para favorecer a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais. A cabeza e as pegadas da cadela Alma, que é tamén a sorprendente voz narradora, danlle unidade ao conxunto”.
Na categoría de ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas Especiais, a mostra gañadora resultou ser 'Sombra e luz', da autoría do IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra, que presentou unha serie de carteis de grande orixinalidade nos que a imaxe da autora se repite unha e outra vez a xeito de icona pop. O resultado, segundo o xurado, “é un conxunto harmonioso e moderno, dunha elevada calidade técnica, estética e artística, cunha combinación cromática moi axeitada, que contribúe de xeito eficaz a acadar o obxectivo de promover e difundir a figura da autora homenaxeada e, asemade, dinamizar a lingua propia de Galicia”.