Educación licita por 505.300 euros a rehabilitación enerxética do CEIP Plurilingüe de Ribadavia

Trátase dunha reforma integral do edificio de aulas do colexio, que abrangue o illamento da fachada, renovación de ventás e substitución de luminarias por outras de alta eficiencia enerxética, entre outras actuacións

Lun, 05/03/2018 - 10:17

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licita a obra de rehabilitación enerxética do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, por un importe de 505.280 euros e un prazo de execución de dous meses e medio, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180305/AnuncioG0164-280218-0001_gl.html ).

Os  traballos supoñen unha reforma integral, enerxética e funcional do centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior confortabilidade aos usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción.

Logo do estudo enerxético realizado pola Consellería, detectáronse unha serie de deficiencias relativas a filtración de aire na envolvente do edificio, importantes perdas de calor a través dos cerramentos e baixa eficiencia de iluminación nas aulas que xustifican dita intervención.

A actuación -que está cofinanciada con fondos FEDER-  abrangue o illamento térmico da fachada exterior, a renovación das actuais ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas de xeito combinado supoñen un aforro enerxético anual de en torno ao 20,3%.

A maiores, tamén se procederá á substitución de placas de falso teito en mal estado, á regulación da instalación de calefacción e  á reparación e pintado de paramentos interiores

Esta rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe de Ribadavia enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016 en toda Galicia, e que no presente ano 2018 suporá un investimento de preto de 4,5 millóns de euros en obras de mellora enerxética en 9 centros educativos, incluído o que hoxe se licita.

Como novidade para as obras que se desenvolven a partires de agora, ao abeiro do Plan de Rehabilitación Integral dos centros para 2018, a Consellería, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), convida a arquitectos novos a participar nestes proxectos.

No marco do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de € ata 2020, a Consellería vai desenvolver en 2018 obras de Rehabilitación Integral (enerxética e funcional) en 9 centros de ensino; en concreto no CPI do Feal (Narón), no CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro), no CEIP Veleiro-Docampo (Castro de Rei), no CEP Luís Tobío (Viveiro), no CEIP Plurilingüe de Ribadavia, no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), no CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), no CPI Santa Lucía (Moraña) e no CEIP Pena de Francia (Mos).

Aposta polo medio ambiente

Con estas actuacións a Consellería dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas. Non en balde, no 2016 e 2017 executáronse actuacións de eficiencia en 20 centros, que consistiron basicamente en accións de mellora do illamento térmico, substitución de ventás e colocación de luminarias de alta eficiencia enerxética, por un importe de preto de 9 millóns de euros.

Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético -e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.