Os números XVI-XVII de Clave Orión homenaxean a Aurora López e a Andrés Pociña

Valentín García e Luz Pozo Garza presentaron hoxe á mañá o volume noveno da revista que ofrece un percorrido pola poesía galega actual entre os anos 2009 e 2017

A publicación conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Mér, 28/02/2018 - 18:30
Os números XVI-XVII de Clave Orión homenaxean a Aurora López e a Andrés Pociña

Os números XVI-XVII da revista de poesía galega actual Clave Orión homenaxean os profesores Aurora López e Andrés Pociña. A publicación, que ofrece nesta entrega o seu volume noveno, presentárona hoxe á mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a directora, escritora e académica da lingua galega Luz Pozo Garza. Ofrece un amplísimo percorrido ilustrado pola poesía galega actual entre os anos 2009 e 2017 e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

“Falar de Luz Pozo Garza é falar dunha das grandes clásicas das letras galegas por excelencia e dunha das voces máis autorizadas da poesía e da literatura contemporáneas”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística, quen sinalou que é unha honra para o Centro Ramón Piñeiro seguir apoiando a publicación.

Tamén participaron no acto os colaboradores da publicación, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer; os interventores da revista, Luís Alonso Girgado e Armando Requeixo; e a directora da área de literatura do Ramón Piñeiro, Blanca Ana Roig Rechou.

Poesía galega actual (2009-2017)

A revista Clave Orión naceu, herdeira de Nordés, como cabeceira independente en 1995 e ofrece, neste noveno volume da publicación no que se inclúen os números XVI e XVII dedicado monograficamente aos profesores Aurora López e Andrés Pociña en homenaxe, un amplísimo percorrido ilustrado pola poesía galega actual entre os anos 2009-2017.

A entrega figura dividida nas seccións O faro extraviado, Tributo a Federico García Lorca, Donas da palabra, Lembranza de Alexandra Koss, Mensura, Iwerddon, Parteluz, Tributo a Luís Pimentel, Paradiso, A pluma na man e Partitura. Contén colaboracións de Manuel Álvarez Torneiro, Carmen Blanco, Gabriel Bussi, Alex Evangelista, Cristina Fiaño, Arantxa Fuentes, Susana García de Quirós, Aurora López, María Lopo, Luis Maquieira, Shozo Nakanishi, Nieves Neira, María Novo, Olga Novo, Olga Patiño, Mar Pereira Vidal, María Pereira, Andrés Pociña, Luz Pozo Garza, Jacques Prévert, Claudio Rodríguez Fer, Meli San Martín, Aurora e Clementina Vidal.

A publicación edítase coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística, por medio do Centro Ramón Piñeiro, supervisada por Natalia Regueiro e Laura Piñeiro Pais e co labor como interventores de Luís Alonso Girgado e de Armando Requeixo.

Menús News node R