O alumnado galego poderá participar no programa de intercambio con Francia Galimiens
A Consellería de Cultura e Educación acaba de abrir o prazo de solicitude para participar neste programa con centros educativos da Académie d’Amiens
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para que o alumnado galego, ata un total de 60 estudantes, participe no programa GALIMIENS, de intercambio con centros educativos franceses. A iniciativa enmárcase no Protocolo de cooperación asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Académie d’Amiens o 16 de decembro de 2011.
Ademais cómpre lembrar que, no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020 (EDUlingüe), o departamento educativo da Xunta de Galicia ten previsto promover actividades de intercambio e estadías de alumnado coa finalidade de posibilitar que os centros educativos provexan programas de inmersión para que ao longo da súa escolaridade o seu alumnado acade un nivel axeitado de competencia en comunicación en linguas estranxeiras.
O programa GALIMIENS consiste nunha inmersión lingüística e cultural en centros docentes dependentes da Académie d’Amiens (Francia) a través dun intercambio de alumnado. Trátase de mellorar a competencia en comunicación lingüística en lingua francesa do alumnado e mellorar o seu coñecemento da cultura francesa. Ao seu abeiro, o alumnado galego de 3º e 4º ESO que cursa a materia lingua francesa como Primeira ou Segunda lingua estranxeira terá a posibilidade de realizar estadías de dúas semanas nun centro educativo francés e de recibir o alumnado francés nos seus centros e fogares en réxime de reciprocidade supoñendo isto un custo reducido para as familias galegas e unha oportunidade de convivencia.
Cada centro solicitante presentará un número máximo de doce alumnos que estarán acompañados nas viaxes de ida e volta por un docente do seu centro de orixe. A convocatoria está dirixida a centros públicos de titularidade da Consellería para sufragar gastos do alumnado e do profesorado ata un máximo de 4.200 euros por centro.
Prazos e datas
O intercambio levarase a cabo en dúas quendas: o alumnado francés visitará Galicia entre o 14 de maio de 2018 e o 01 de xuño de 2018 e o alumnado galego permanecerá en Francia durante dúas semanas entre o 01 de outubro de 2018 e o 19 de outubro de 2018.
O prazo para que os centros soliciten participar no programa GALIMIENS será de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación no Portal Educativo.