Educacion colabora coa Asociación ANEDIA para mellorar a atención ao alumnado con diabetes
Os profesionais da Asociación de nenos e nenas con diabetes de Galicia poñerán os seus coñecementos a disposición dunha mellor e máis específica formación do profesorado; e tamén poderán colaborar cos centros escolares que o desexen
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai colaborar coa Asociación de nenos e nenas con diabetes de Galicia (ANEDIA) co fin de mellorar a atención ao alumnado con esta problemática. O conselleiro Román Rodríguez e maila presidenta de ANEDIA, Ana Isabel Pérez, ratificaron hoxe o acordo que inclúe unha serie de actuacións específicas que permitan un maior e mellor coñecemento desta enfermidade e, deste xeito, unha mellor atención no ámbito escolar aos rapaces que a padecen.
Deste xeito, a Consellería comprométese a promover a formación permanente do profesorado neste eido, tanto no que atinxe ao coñecemento da diabetes así como á promoción de hábitos de vida saudable, cuestión para a cal contará co apoio dos profesionais de ANEDIA, que tamén poderán colaborar directamente cos propios centros escolares. As distintas actividades incluirán así mesmo campañas de sensibilización e difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas á diabetes.
Este acordo forma parte dunha das liñas estratéxicas da Consellería, que é a de traballar da man de diversas entidades e asociacións especializadas na atención a colectivos con necesidades educativas específicas para deseñar unha acción educativa integral ás súas peculiaridades e, deste xeito, avanzar nun sistema educativo máis inclusivo, que dea unha resposta acaída á diversidade do alumnado.
Cómpre lembrar que -no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020- a Consellería puxo en marcha o protocolo de ‘Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica’, o cal incorpora unha addenda específica de atención ao alumnado con diabetes que está a disposición de toda a comunidade educativa.
O convenio de hoxe, coa implicación do persoal especialista de ANEDIA e a posta á disposición dos seus coñecementos, vén a reforzar este documento deseñado como guía sobre esta doenza e que inclúe os seus diferentes tipos, os casos de hiperglicemia e hipoglicemia e os seus síntomas, ou orientacións ao profesorado á hora de atender ao alumnado con diabetes, entre outra moita información.