Centros de FP desenvolverán un proxecto de educación financeira ao abeiro do convenio entre a Consellería e Abanca
‘Implantación de ferramentas de medios de pagamento en formación profesional’ enmárcase tamén no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende)
Ao abeiro do convenio marco asinado o pasado mes de outubro con ABANCA, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar o programa Implantación de ferramentas de medios de pagamento en formación profesional, un proxecto de educación financeira que se enmarca, ademais, no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende). Poderán participar nesta iniciativa os centros educativos sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de Fp nas familias profesionais de Administración e Xestión e de Comercio e Márketing.
Para o desenvolvemento deste programa, ABANCA cederá Terminais Punto de Venda (TPV) físicos e dará acceso a unha plataforma TPV virtual aos centros participantes. A cesión deste material permitirá ao alumnado realizar prácticas nunha contorna real con operacións financeiras de cargo, cobro, devolucións, etc, exactamente iguais ás realizadas nas empresas e nos comercios reais. O centro recibirá asesoramento por teléfono ou por correo electrónico sobre a utilización do terminal facilitado sempre que o solicite.
Asemade, organizaranse actividades de formación específicas dirixidas ao alumnado, que versarán sobre o funcionamento dos medios de pagamento, a tipoloxía de tarxetas e as formas de operación, novas tecnoloxías relacionadas con medios de pagamento e a súa evolución, riscos e controis que cómpre ter en conta, reclamacións, e dereitos e responsabilidades de comerciantes e compradores.
Os centros seleccionaranse segundo a orde de entrada da solicitude no enderezo electrónico orientacion.profesional@edu.xunta.es e o maior número de alumnado participante, tendo en conta que se asignará unha actividade por centro.