Román Rodríguez define o encontro entre Galicia, Asturias e Castela-León como exemplo para acadar un pacto educativo

Román Rodríguez asiste a unha xornada de traballo a tres bandas cos seus homólogos castelán leonés, Fernando Rey, e asturiano, Genaro Alonso, para intercambiar experiencias e reforzar a colaboración

Nos diferentes grupos de traballo tratáronse temas relacionados coa FP Dual, a xestión e formación do profesorado, a incidencia das TIC, a atención á diversidade e a educación no rural

Xov, 18/01/2018 - 20:53
Román Rodríguez define o encontro entre Galicia, Asturias e Castela-León como exemplo para acadar un pacto educativo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que o encontro a tres bandas entre Galicia, Asturias e Castela e León para abordar os sistemas educativos de cada comunidade é un bo exemplo de entendemento e suma de esforzos no camiño para acadar un Pacto de Estado social e político pola educación. Tal e como salientou hoxe antes da inauguración da xornada de traballo, “temos unha oportunidade para que este evento sexa un pequeno paso para que o Pacto pola educación sexa unha realidade”.

O conselleiro mantivo unha longa sesión de traballo cos seus homólogos castelán leonés, Fernando Rey, e asturiano, Genaro Alonso; acompañados polo secretario de Estado de Educación, FP e Universidades do Ministerio, Marcial Marín. Precisamente, este último felicitou ás tres comunidades polos bos resultados logrados nos últimos anos en informes como PISA ou nos índices de abandono educativo temperán. “O Ministerio ven ata aquí tamén para tomar nota”, salientou.

Román Rodríguez insistiu nas similitudes e características comúns de Galicia, Asturias e Castela e León, o que, nas súas propias palabras, “nos dá unidade, pero tamén nos diferencia”. De feito, instou a aprender uns dos outros, a intercambiar e sumar liñas de traballo e diferentes experiencias de éxito co fin de seguir mellorando os respectivos sistemas educativos. Por outra banda, lembrou que ese acto se enmarca no I Encontro de gobernos autonómicos que os presidentes de estas comunidades mantiveron en Oviedo o pasado 4 de decembro.

Achegas de Galicia ao debate

Neste sentido, tanto o conselleiro como os diferentes representantes da Consellería que participaron nos grupos de traballo ao longo da xornada de hoxe achegaron a experiencia de Galicia en eidos nos que, nos últimos anos, se ten realizado un importante esforzo para mellorar a calidade do sistema educativo galego. Algúns destes ámbitos son, precisamente, a FP, a formación do profesorado, a extensión das TIC ou a inclusión educativa.

De feito, os temas que se abordan neste encontro son a educación no medio rural –facendo fincapé nos servizos complementarios, nas modalidades organizativas ou nas relacións coa administración local–; a Formación Profesional, e nomeadamente a FP  Dual; a xestión e formación do profesorado; a implantación das TIC e da conectividade; os avances na calidade, na inclusión e na atención á diversidade; e algúns dos retos da universidade, como é a formación dual.

Na xornada de mañá venres terá lugar unha segunda sesión de traballo plenaria para a posta en común das conclusións extraídas das reunións por grupos.