A exposición ‘Converxencias arte e ciencia’ chega á Coruña co apoio de Política Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe ao serán no acto inaugural

A mostra creada por Igaciencia, que no seu día visitou Santiago e Ourense, fai parada no Centro Ágora entre o 15 e o 19 de xaneiro, onde poderá ser visitada por centros educativos en horario de mañá e por público xeral en horario de tarde

Ven, 12/01/2018 - 21:52

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe ao serán no Centro Ágora da Coruña a mostra ‘Converxencias arte e ciencia’, que fará parada na Cidade Herculina entre os vindeiros 15 e 19 de xaneiro.

Valentín García sinalou que o apoio do seu departamento a este proxecto expositivo de Igaciencia se debe “ao noso interese e á nosa aposta por mostrar o valor do idioma galego para a divulgación científica na sociedade”. O secretario xeral tamén animou o alumnado presente “a sacar tanto a ciencia coma o galego fóra das aulas e levalos, xuntos, á vosa cotidianeidade”.

A canda Valentín García interviñeron na presentación a concelleira de Xustiza Social e Coidados da Coruña, Silvia Cameán, e a secretaria de Igaciencia, Inés Ben.

Arte e ciencia

O obxectivo fundamental da exposición é ilustrar e profundar no diálogo entre ciencia, matemáticas, tecnoloxía, arte e vida. Para explorar esa interacción dinámica selecciónanse obras e autores representativos de distintos movementos artísticos ao longo do tempo, iniciando a viaxe na arte castrexa e rematándoa con obras de arte dixital recentemente expostas en congresos internacionais. Os paneis explicativos que conforman a mostra compleméntanse con obras de arte dixital impresas en 3D e con 6 obradoiros para estudantado de ESO, FP e bacharelato.

A exposición Arte e Ciencia poderá visitarse entre o 15 e o 19 de xaneiro no Centro Ágora da Coruña, por libre en horario de tarde e en visitas guiadas para alumnado de centros educativos en horario de mañá.

Colaboración con Igaciencia

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia o labor de divulgación social da ciencia en galego que realiza a Institución Galega de Ciencia, Igaciencia. Ademais de colaborar na exposición “Arte e Ciencia”, que xa levou ás cidades de Santiago e Ourense, apoia o Rallie Matemático e o concurso Inventa en Galego.

 

Menús News node R