‘Nadal en Rede’ pecha o ano cunha manchea de actividades nos concellos da Rede de Dinamización
O programa fai parada desde hoxe ata o domingo en Carballedo, O Rosal, A Lama, Cerceda, Coristanco, Moaña, Vilaboa, Castro de Rei, San Cristovo de Cea, Poio, Cospeito, Burela, Toén e Cuntis
Os Bolechas, Fantoches Baj, Uxía, Senén Vaamonde e A Roda centran unha carteleira na que non faltan o teatro, os monicreques e a música
A entrada ás actividades é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados
O programa de dinamización lingüística 'Nadal en Rede' pecha o 2017 cunha manchea de actividades nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Desde hoxe e ata o domingo, a axenda de actividades ofrece propostas en Carballedo, no Rosal, na Lama, en Cerceda, en Coristanco, en Moaña, en Vilaboa, en Castro de Rei, en San Cristovo de Cea, en Poio, en Cospeito, en Burela, en Toén e en Curtis. Os protagonistas nos escenarios serán Os Bolechas, Ignacio Vilariño de Fantoches Baj, Uxía, María do Ceo, Senén Vaamonde e A Roda.
Os últimos levarán hoxe pola tarde a nova proposta 'Picariño' a Carballedo, ás 18:00 horas na Casa da Cultura, e estarán tamén mañá, venres 29, na Lama (ás 13:00 horas na Aula Multiúsos) e durante a fin de semana en Vilaboa (o sábado 30, ás 17:00 horas, no Local Social de Paredes) e en Cuntis (o domingo 31, ás 13:00 horas, na Casa da Cultura). A actividade é concerto didáctico sobre textos de Pura e Dora Vázquez interpretados por Suso Vaamonde e dirixido ás familias; unha magnífica oportunidade de gozar de músicos de primeiro nivel e, á vez, aprender sobre a arte musical.
‘O castiñeiro do Apalpador’ chegará mañá ao Rosal (ás 17:00 horas no Auditorio Municipal) e o sábado a Moaña (ás 12:00 horas, no Centro Sociocultural Daniel Castelao) e mais a San Cristovo de Cea (ás18:30 horas, no salón de actos do Edificio Multiúsos); e o domingo a Toén (ás 12:00 horas,na Casa da Cultura de Moreira). A actividade de monicreques, dirixida a familias con crianzas de máis de tres anos, céntrase na historia do Apalpador, que nestas datas baixa do Courel ao encontro da cativada galega.
'Nadal en Rede' estrea mañá en Cerceda 'Cancións para nenas e nenos', concerto en directo do libro-disco homónimo, dirixido á xente miúda da casa, que chegan da man da coñecida María do Ceo e que se poderá gozar ás 18:00 horas no Auditorio Municipal desta localidade e o sábado 30, na Casa da Cultura de Castro de Rei, ás 17:00 horas. Chegarán, a semana que vén ás localidades coruñesas de Abegondo e Ribeira.
Protagonistas desta fin de semana son tamén a coñecida Uxía e o brasilego Sérgio Tánnus, que participan no ‘Nadal en Rede’ cunha fermosa homenaxe a un dos principais poetas galegos do século XX: Uxío Novoneyra. A actividade ‘Nadal Novoneyra’ poderá gozarse mañá, venres, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Coristanco e o sábado 30 en Cospeito (ás 19:30 horas na Casa da Cultura) e en Burela (ás 22:00 horas na Casa da Cultura).
Os Bolechas levarán o sábado ‘Un conto de Nadal’ a Poio (ás 19:00 horas no Centro Cultural Xaime Illa). Os célebres personaxes de Pepe Carreiro protagonizan unha peza teatral na que unha brincadeira sobre a desaparición dun dos camelos cargados cos xoguetes porá en perigo a tradicional noite de Reis.
A entrada a todas as actividades da fin de semana é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Máis información e calendario completo dispoñibles no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.