Alumnado de seis centros educativos recibe os premios Eduemprende Idea
Convocados polas consellerías de Educación e de Economía, teñen como obxectivo impulsar a cultura emprendedora entre os máis novos
Os gañadores poderán acceder a un espazo nalgúns dos 26 viveiros de empresa que existen en centros educativos de Galicia
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; fixeron hoxe entrega dos premios do concurso Eduemprende Idea, co que se busca estimular o emprendemento entre os máis novos. Alumnas e alumnos dun total de seis centros educativos recibiron estes galardóns, que a Xunta de Galicia convoca anualmente entre o alumnado matriculados nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño sostidas con fondos públicos. Desde que se comezaron a convocar estes premios, no ano 2015, presentáronse ás tres convocatorias un total de 91 proxectos, o que proba o éxito da iniciativa. Ademais, cómpre salientar que o proxecto co 1º premio na convocatoria de 2015 na modalidade B, BAIAVENTURA, acaba de constituírse como empresa e outros están traballando para a súa constitución.
Román Rodríguez explicou que con convocatorias como esta o Goberno galego demostra o seu compromiso coa cultura emprendedora desde a base do sistema educativo, con actuacións que estimulan a participación activa do alumnado no deseño de iniciativas innovadoras e creativas. Así mesmo, comprometeuse a seguir traballando nesta liña, tanto no sistema educativo non universitario como na propia Universidade, con sinais como a posta en marcha do primeiro Grao de Emprendemento dunha universidade pública en España.
O conselleiro de Educación quixo agradecer aos docentes a súa implicación e apoio aos alumnos en certames como o Idea, así como felicitar aos estudantes polo talento plasmado nos proxectos galardoados. “Demostrastes que, cun duro traballo a base de constancia, fostes quen de transformar as vosas paixóns nun modelo de negocio, que pode chegar a ser... o voso medio de vida”, dixo. “Todo conflúe no círculo: persoas, ideas e talento; os elementos esenciais para mellorar e innovar, en calquera ámbito”, rematou.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, tras destacar o esforzo levado a cabo polo alumnado para crear algo diferente e apostar “polo verdadeiro sentido da innovación”, sinalou a importancia da formación tanto para conseguir un contrato laboral como para emprender. Neste senso, referiuse aos cambios que a tecnoloxía dixital está a levar a cabo no modo de traballo das fábricas e as empresas apostando neste ámbito por unha cualificación especializada e adaptada á demanda do tecido produtivo.
Conde, así mesmo, explicou aos alumnos que a Xunta conta con diversas ferramentas para consolidar o camiño dos novos empresarios como as axudas para aos autónomos para iniciar a actividade (apoios de 4.000 euros para menores de 30 anos); os apoios para a contratación indefinida de traballadores (de entre 3.000 e 14.000 euros); o asesoramento do Igape; ou os espazos de coworking para madurar os proxectos que se desexan poñer en marcha.
Dúas modalidades
A convocatoria consta de dúas modalidades, A e B, dirixidas ao alumnado de ciclos de grao superior e de grao medio, respectivamente. En ambas as dúas o primeiro premio será de 3000 euros, o segundo de 2000 e o terceiro de 1000. Ademais, todos os galardoados poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e recibir asesoramento técnico do IGAPE.
Na modalidade A o primeiro premio foi para o proxecto Eficonter, realizado por Juan Bautista Gracia Villalva, Alberto Ortiz Abas e Joshua Axel Pysar, do CIFP Someso (A Coruña); o segundo para Emega, S.L.N.E., desenvolvido por Jon Jhonn Alonso Aramburu e Néstor Soto Barreiro, do IES Luís Seoane (Pontevedra); e o terceiro para Plantación ecolóxica de Arándanos, un traballo de Almudena González Pardal e Tatiana Vázquez Alfaya, do CIFP A Granxa (Ponteareas).
No caso da modalidade B, o primeiro premio fai para José Manuel Abella Rivera, Jesús López Ramos e Rubén López Sánchez, polo proxecto Electricall, S.N.L.E, do IES Calvo Sotelo (A Coruña); o segundo foi para Lorena Láuzara Sánchez, Lara Medín Caramés e Iván Brea Liste, do CPR Nebrija Torre de Hércules (A Coruña), polo traballo Ihelpu, S.L.; mentres que o terceiro o recibiron Mª José Pinagorte Cedeño, Tony Manuel Búa Benítez, Antonella Franco e Irene Fandiño Parrado, do CIFP Compostela, polo proxecto Encontros, S.L.N.E..
Iniciativas galardoadas
Os primeiros premios do certame foron para proxectos de cooperativa e dunha aplicación móbil. Así, o da modalidade A, Eficonter é unha idea de cooperativa galega de traballo asociado de restauración de contedores marítimos para construcións modulares tanto temporais como permanente, que se encargaría de todas as fases do proceso produtivo, adaptándose ás necesidades do cliente. O proxecto segue as liñas da economía circular promovida pola UE, como unha alternativa ao sistema lineal actual, na que os produtos non se reutilizan unha vez finalizada a súa vida útil, evitando así un colapso no mercado. No caso da modalidade B, Electricall, S.N.L.E. é unha idea para a creación dunha aplicación en móbil para busca de profesionais, con rapidez e comodidade, na súa zona máis próxima. Dentro desta aplicación inclúese o desenvolvemento dun produto electrónico I+D+i, Electrosnail, que a través dun Kit de pastor eléctrico intelixente serviría para escorrentar caracois das plantacións
Na modalidade A o segundo premio foi para Emega, S.L.N.E., un proxecto de venda, instalación, mantemento e abastecemento de puntos de carga para coches eléctricos; mentres que o segundo da modalidade B levouno Ihelpu, S.L.; un traballo de desenvolvemento de produtos tiflotécnicos para persoas con discapacidade visual a través dunha aplicación cun lector de código de barras que facilitaría a descrición con voz das características dos diferentes produtos destinados á cadeas de téxtil, produtos alimenticios e museos.
O terceiro premio foi, na modalidade A, para Plantación ecolóxica de Arándanos, que inclúe a explotación, xestión e comercialización da mesmas; mentres que o gañador na modalidade B foi Encontros, S.L.N.E., un proxecto para a creación dun servizo de actividades de ocio dirixido a persoas maiores de 60 anos, con actividades como cerámica, cestería, sendeirismo ou karaoke.
Rede de viveiros
O galardón ofrece ao alumnado a posibilidade de acceder a un despacho da rede de viveiros de empresa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Educativa ten instalada en 26 centros educativos, e nos que se ofrece un espazo de balde para que os titulados emprendan o seu primeiro proxecto de empresa apoiados por asesoramento técnico tamén gratuíto.
En concreto, a Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos compóñena os CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel (Ourense), A Farixa (Ourense), A Granxa (Ponteareas), A Xunqueira (Pontevedra), Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña), As Mercedes (Lugo), Compostela (Santiago), Coroso (Ribeira), Ferrolterra (Ferrol), Manuel Antonio (Vigo), Paseo das Pontes (A Coruña), Politécnico de Lugo, Politécnico de Santiago, Porta da Auga (Ribadeo), Portovello (Ourense), Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Someso (A Coruña), Valentín Paz Andrade (Vigo); e os IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), de Fene, García Barbón (Verín), Luís Seoane (Pontevedra), Montecelo (Pontevedra), Ricardo Mella (Vigo), Universidade Laboral (Culleredo) e Laxeiro (Lalín).